Ana Pontón: “Os galegos e as galegas non lle pagan a Feixóo para tapar a corrupción do PP nin para arranxar a súa guerra interna”
A portavoz nacional, Ana Pontón, lémbralle ao presidente da Xunta que os galegos e as galegas non lle pagan para que dedique o seu tempo a tapar un novo caso de corrupción do PP nin a arranxar a guerra interna do seu partido, en referencia á liorta desatada entre Casado e Ayuso que, segundo ao propio Feixóo, levou ao PP a unha situación “de colapso”.
“Se até agora tiñamos un presidente sen alternativas e sen propostas do País para solucionar os problemas dos e das galegas, que pasará cun presidente que está máis preocupado por resolver as liortas internas do PP e máis pendente do seu futuro persoal que en atender ós problema de Galiza, que é para o que se lle paga. E isto teno que aclarar canto antes, porque os galegos e as galegas non lle pagamos ao señor Feixóo nin para solucionar a guerra interna do PP nin para tapar a corrupción do Partido Popular, senón para dar alternativas ós problemas que teñen, que son moitos”, argumentou.
Pontón tamén destacou a naturalidade coa que o presidente do PPdeG normaliza un suposto novo caso de corrupción no seu partido, “porque a día de hoxe aínda non sabemos se a Feixóo lle parece normal que en plena pandemia a señora Ayuso adxudique un contrato a dedo a unha empresa que termina pagándolle unha mordida o seu irmá”, alegou. A contrario, a súa única preocupación que demostra sobre ese asunto é como meter un novo caso de corrupción “debaixo da alfombra”, en lugar de pedir que se investiguen os feitos até as últimas consecuencias.
A líder nacionalista subliñou que o que está pasando no PP demostra que é máis necesario que nunca mirar máis para Galiza e confiar nas propias forzas. “Vendo os aires que nos chegan desde Madrid, contaminados pola corrupción, polos egos, polas loitas internas e polas intrigas, queda máis claro que nunca que temos que mirar menos para Madrid e máis para Galiza, confiar no potencial do País e nas propias forzas”, destacou, durante o acto de homenaxe a Rosalía de Castro organizado polo BNG.