Ana Pontón: “As forzas estatais cando gobernan esquecen Galiza, dá igual que sexa o PP, PSOE ou Podemos”
Cualifica de “pésima noticia” para Galiza a aprobación da subida das peaxes da AP-9 nun país cos salarios máis baixos do estado e Europa e anuncia novas iniciativas do BNG para reclamar a transferencia e gratuidade da AP-9 en todo o territorio galego
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou de “pésima noticia” a aprobación da subida das peaxes da AP-9, nun país dixo, “cos salarios máis baixos” e sen alternativa a esta infraestrutura en todo o territorio. Pontón afirmou que “as forzas estais cando gobernan esquecen a Galiza e da igual que sexa o PP, PSOE ou PODEMOS”, ao final “todos nos subirían as peaxes” polo que asegurou que a única alternativa é a transferencia e apostar por una “AP-9 pública para eliminar este atraco”.
Pontón ironizou preguntando se existe algún tipo de espírito na Moncloa que fai que o novo presidente cambie radicalmente de posición e esqueza o que defendía con anterioridade como estamos a comprobar hoxe co Partido socialista de Sánchez e Caballero aprobando novas subidas das peaxes da AP-9. Hai que lembrar que o Partido socialista criticaba estas subidas cos gobernos de Raxoi e Feixóo pero ao mellor, “ese fantasma” fai que cambien de opinión.
Pontón cualificou de “nova tomadura de pelo” a subida das peaxes nunha infraestrura que non conta cunha alternativa real en todo o país. É “un despropósito” que o goberno decida esta subida cando en Galiza temos os salarios máis baixos do estado e sabendo que esta infraestrutura é clave para vertebrar o territorio, reiterou.
A portavoz nacionalista censurou que se produzan subidas nas peaxes cando AUDASA ingresa “beneficios escandalosos” mentres tanto, os gobernos de turno, sexan do PP ou PSOE acaban supeditados á defensa dos intereses da concesionaria da AP-9 e “sableando os petos de todos os galegos e galegas”.
Dende o BNG, dixo, rexeitamos esta subida e lembrámoslle ao Partido socialista que durante o goberno de Raxoi esixía que as ampliacións da AP-9 foran asumidas polo estado. Ao BNG sírvemos que o estado asuma a subida ou ben se faga cargo dela AUDASA cos seus beneficios, pero o que non nos vale é que Galiza teña as autovías máis caras de todo o estado e Europa mentres, “temos os salarios máis baixos”. Esta subida, “vai en contra da xente e da competitividade das nosas empresas”.
O BNG PIDE ELIMINAR AS PEAXES DA AP-9
Pontón, que participou nun acto organizado polo BNG, con representantes municipais dos concellos de Ames, Rois e Teo na localidade do Milladoiro, reclamou a eliminación das peaxes da totalidade da AP-9 e concretamente no tramo entre Padrón e Santiago. O alto custe das peaxes provocan o “colapso” das vías secundarias que atravesan núcleos de poboación con vías urbanas convertidas en vías de paso, incidindo na contaminación acústica e restando calidade de vida, neste sentido, propuxo liberar de peaxe este tramo para un normal desenvolvemento dos concellos e canalizar o tráfico máis pesado e perigoso por unha vía máis segura.
“O BNG seguirá reclamando unha AP-9 galega e libre de peaxes no cen por cen do seu territorio” e para isto, manifestou a nacionalista, hai que ir dando pasos como a gratuidade do tramo Padrón-Santiago e avanzou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento galego nesta liña.
30 MIL VEHÍCULOS ATRAVESAN MILLADOIRO AO DÍA
Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG no concello de Ames, David Santomil explicou que o centro do Milladoiro concentra “máis de 30 mil vehículos diarios” cun gran número de vehículos pesados por mor do incremento das peaxes da AP-9.
O BNG, dixo, leva dende anos reclamando a eliminación da peaxe entre Santiago de Compostela e Padrón como solución para derivar o tráfico de vehículos e vehículos pesados de máis de 7,5 T, 22 e máis de 30T polo corredor Pardiñas-As Galanas. Santomil lembrou que no mes de xaneiro do 2018, o concello de Ames solicitou a eliminación da peaxe no tramo Padrón-Santiago e seguiremos, manifestou, insistindo nesta reclamación porque queremos unha AP-9 galega e sen peaxes e eliminando a peaxe a Padrón estariamos resolvendo un problema que afecta tamén aos concellos de Teo, Rois e Padrón.
Temos que evitar a gran afluencia de tráfico na N-550 e no caso concreto do concello de Teo reclamar unha saída para poder derivar o tráfico do Milladoiro. Consideramos positivo derivar os vehículos de máis de 30T polo corredor Pardiñas- As Galanas pero a longo prazo, esta medida “resulta insuficiente” e require de actuación máis importantes como o desvío por unha vía de alta capacidade como a AP-9 e sen peaxes.