Ana Pontón a Feixóo: “Na violencia machista non valen as medias tintas, ou se está coas mulleres ou coa extrema dereita”
Esta conivencia centrou as críticas de Pontón ao presidente da Xunta, a quen acusou de “hipocrisía” cando, tan locuaz para outros asuntos, cala cando se trata de condenar os pactos do seu partido coa extrema dereita machista.
“Queremos denunciar a hipocrisía do PP e de Feixóo que pola mañá reparten paraugas lila para facer unha marcha con motivo do 25N e pola tarde vanse de ganchete coa extrema dereita que nega a existencia da violencia de xénero e propugna suprimir as leis das que nos dotamos para defendernos do machismo, un discurso negacionista que nos quere facer retroceder”, denunciou Pontón.
“Non valen medidas tintas: non se pode avalar un discurso que pon en perigo a vida das mulleres e ao mesmo tempo presentarse como adaíl da loita contra o machismo, é unha hipocrisía”, recalcou. Por iso, se o xefe do Executivo “se quere poñer realmente do lado das mulleres, debe dicir alto e claro que o PP ten que romper con eses pactos coa extrema dereita machista, racista e antigalega”.
Ademais de facer un chamamento á mobilización, a dirixente nacionalista puxo sobre a mesa as medidas que defende o BNG, baixo a máxima “menos discursos e máis recursos” para combater o terrorismo de xénero, “porque aínda que incomode dicilo, se en lugar de 43 mulleres asasinadas en Galiza na última década fosen deputados ou futbolistas a reacción sería moi diferente”.
Por iso, o Bloque volve poñer sobre a mesa destinar a combater o machismo o 1% do orzamento da Xunta, 100 M€ para aplicar as medidas que están previstas na Lei galega contra violencia machista, una lei que urxe desenvolver facendo especial fincapé nos recursos para atender ás vítimas e nas medidas de sensibilización e educación, así como a prestación de apoio psicolóxico en atención primaria. Entre as medidas, tamén a creación de xulgados específicos nas sete cidades, -hoxe só hai na Coruña e Ourense, suprimir o financiamento público aos centros que segregan por sexo e ampliar axudas ás vítimas de violencia machista, tanto aumentando as contías como ampliando os tramos de renda de posibles beneficiarias.
O BNG tamén recolle as demandas do feminismo galego moi centrado este 25N en denunciar o machismo na xustiza, que se traduce en sentenzas intolerables como a das das manadas de Pamplona ou Manresa.
Concepto legal de consentimento
“Hai que darlle unha mellor resposta xudicial á violencia de xénero evitando a revictimización ou casos como os da sentenzas da manada que nos escandalizan”, recalcou Pontón. Neste sentido, a formación nacionalista considera preciso introducir no marco legal o concepto de consentimento “para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, así como a consideración destes delitos como delitos de carácter público. Non e un problema privado senón público e como tal debe ser tratado”, alegou a portavoz.
Igualmente, proponse modificar a definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fai a Lei galega no ano 2007. Igualmente, garantir a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual por ser vítimas de violencia machista e impulsar unha campaña específica para informar da existencia deste recurso, protocolo de actuación en casos de agresión sexual e cambiar o procedemento de instrución, de xeito que ás vítimas só teñan que declarar unha vez durante todo o proceso xudicial.
A punta do iceberg das estatísticas
Cada día rexístranse 15 denuncias nos xulgados, hai 3.500 casos activos de violencia machista, denunciase un intento de violación diario, no que vai de ano 5 mulleres foron asasinadas en Galiza, na última década 43 e rexistráronse 55.000 denuncias nos xulgados.
Datos que son só a punta do iceberg, subliñou Pontón, “por iso non vale poñerse de perfil, mentres o PP e Feijóo non rompan con eses pactos, son cómplices desa extrema dereita que quere que volvamos ao pasado e darlle alas a ese discurso é un perigo para a vida das mulleres, porque os discursos e as ideas non son inocuos, e o que están facendo é darlle osíxeno ao machismo”, concluíu.