Ana Pontón: "Feixóo é o único galego que está pensando nas eleccións"
En relación a data electoral e a preguntas dos medios, Pontón insistiu en que lle parece unha temeridade convocar ás urnas nunha situación de estado de alarma e que o único que ten presa é o presidente do PPdeG, que mesmo está disposto a incumprir o seu compromiso e ir a rebufo do mandatario vasco. “Feixóo é o único galego que está pensando nas eleccións nun momento en que a maioría da xente o que está pensando é en como vai pagar as facturas, en se vai ter emprego ou non, en como vai facer para conciliar, esas son as preocupacións dos galegos e das galegas e non as eleccións”, salientou a líder do BNG.
Pontón tamén subliñou que o o xefe do Executivo comprometeuse a convocar aos grupos todas as semanas tras a conferencia de presidentes con Pedro Sánchez, “pero unilateralmente decide desconvocar ese diálogo e colaboración mesmo en plena desescalada”, denunciou, “fai en Galiza o contrario que reclama en Madrid”, recriminou.
“O primeiro é a saúde e pensamos que é unha temeridade convocar eleccións nunha situación de estado de alarma provocado por unha pandemia cando deberíamos concentrarnos en dar respostas ás urxencias sanitarias e sociais que son moitas. Ademais, este era o acordo coas forzas políticas e lamentemos que Feixóo rache con este acordo para facer seguidismo de Urkullu que finalmente parece ser que convocará, de novo, as eleccións en Galiza”, concluíu.