Ana Pontón: “Feixóo ten que explicar canto superávit destinou á banca en lugar de financiar a sanidade”
Critica o “oportunismo electoral” de quen estivo oito anos defendendo o corsé imposto polo Goberno de Raxoi.
O BNG propón destinar 272 millóns de euros para un plan de financiamento urxente da atención primaria
A portavoz nacional, Ana Pontón, tilda de “cinismo supino” a campaña de Feixóo en relación á xestión do superávit despois de que estivese oito anos consentindo o corsé das chamadas leis de estabilidade orzamentaria do PP, e tras ter vetado todas as iniciativas do BNG en contra de superar ese lastre que impedía a Galiza gastar os seus recursos en función dos intereses dos e das galegas.
“Efectivamente hai que derrogar esas leis, dámoslle a benvida ao señor Feixóo, pero o que é triste e que isto forme parte da campaña electoral do PP”, indicou Pontón, “estamos a favor de que se eliminen todos os corsés centralistas pero o que nos ten que explicar Feixóo e canto superávit destinou aos bancos (facendo seguidismo das leis de estabilidade de Montoro), en lugar de financiar o sistema sanitario público. Tamén ten que explicarnos porqué hai tres meses non había ningún problema na sanidade pública e de repente agora caeu do cabalo”.
“Feixóo é o rei da soberbia que está desfacendo o sistema sanitario público sen alternativas de futuro máis aló do seu cinismo supino criticando agora unhas leis que defendeu durante oito anos, nos que ignorou as propostas do BNG cando denunciaba que significaban privilexiar á banca por riba dos dereitos das persoas”, salientou Pontón desde Lugo, nun acto para explicar as propostas en materia de infraestruturas para esa provincia.
Pontón tamén chamou a atención sobre o feito de que, en plena crise, o Goberno do PP “non sexa capaz de executar os seus propios orzamentos, o que demostra desidia e incapacidade”. “Hai solucións para atención primaria”, recalcou, como a proposta do Bloque para destinar 273 millóns de euros a través dunha modificación dos orzamentos de 2019 para dotar un plan de financiación urxente de atención primaria. E pediu diálogo c@s profesionais para poder chegar a un acordo antes da folga do 9 de abril.