Ana Pontón a Feixoo: “Saia do Matrix de Montepio, pise a realidade da rúa, escoite a cidadanía e aporte solucións”
Critica que se empeñe en ser “o delegado do PP máis ultra da historia”, no canto de exercer de presidente da Xunta e defender os intereses de Galiza
A líder do BNG aportou propostas ós problemas que mobilizan xs galegxs: rescatar ALCOA, 200 M€ máis para Atención Primaria, mesa para negociar prezos xustos para os produtores e máis recursos contra o machismo
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta de estar desconectado da xente e de vivir instalado nunha realidade virtual construída a base de propaganda: “Vostede está no Matrix de Monte Pío e esa desconexión impídelle escoitar ós milleiros de persoas que saen á rúa a protestar contra un presidente que se ten convertido nun problema”, denunciou.
Por iso, cada día son máis os galegos e as galegas que ven a Feixóo “como un lastre, alguén que lonxe de dar solucións simplemente busca culpábeis”, e fanllo saber, salientou, manifestándose na rúa. “Dinllo cando se mobilizan en defensa da sanidade pública; cando a comarca enteira da Mariña sae en defensa do seu futuro; dinllo os e as produtoras cando tamén saen a rúa a reclamar prezos xustos para vivir do seu traballo; ou as mulleres que este 25N volverán encher as rúas contra as violencias machistas”.
“Por iso permítame un consello: saia do Matrix de Montepío, pise a realidade da rúa, escoite á cidadanía e aporte solucións”, sintetizou Pontón na súa intervención na sesión de control, recalcando que hai solucións para os problemas que están detrás da onda de mobilizacións. “O que se precisa é vontade política, exercer como presidente e deixar de ser o delegado do PP máis ultra da historia, non vaia ser que lle pase como a Pablo Casado e termine nunha misa rezando por Franco”, ironizou.
Pontón recomendou a Feixóo que abandone a soberbia e que “escoite”, porque o malestar non deixa de medrar día a día e a “realidade virtual” do telexornal non vai tapar ese crecente descontento, advertiu, ao tempo que poñía sobre a mesa propostas concretas ás cuestións que están levando ós galegos e ás galegas a encher as rúas.
Empezando pola mobilización da Mariña, o BNG defende un plan industrial para a comarca que teña como primeiro punto a intervención pública da fábrica de San Cibrao. “Non lle dá vergoña vir a este Parlamento e votar en contra da proposta do Bloque para rescatar ALCOA? Que máis ten que facer a veciñanza para que mova ficha sabendo que hai mil postos de traballo en xogo?”, interpelou Pontón.
O outro asunto que provoca a indignación da cidadanía é o deterioro da sanidade pública, de aí a insistencia da formación nacionalista en reforzar con 200 M€ a atención primaria, como primeiro paso para reverter doce anos de recortes. “Cantas manifestacións máis precisa para escoitar? Teña claro unha cousa: a xente non vai renderse na defensa da sanidade pública e derrotará a súa soberbia”, advertiu.
Igualmente, o Bloque propón sentar na mesma mesa a industria, distribución e produtores para acabar cos baixos prezos no sector agrogandeiro, “pois estamos falando das persoas que nos alimentan é teñen dereito a que se lles pague un prezo xusto”. E, en véspera da celebración do 25N, o BNG insiste na súa proposta de destinar o 1% do orzamento da Xunta, -116 millóns de euros-, á loita contra a violencia de xénero, porque o compromiso contra o machismo demóstrase con recursos.
“Propostas concretas e realistas que só precisan dun presidente capaz de escoitar o que a xente lle di na rúa así que saía do Matrix de Montepío, escoite e aporte solucións”, demandou. Feixóo ignorou as propostas do BNG sen poñer alternativas e, como é habitual, utilizou a sesión de control ao goberno para criticar ao BNG.
Vota contra rescatar ALCOA e desaparece da Mariña
“Nin lle gusta como votan os galegos e as galegas, nin lle gusta como se manifestan”, ironizou Pontón, ao tempo que recomendaba ao xefe do Executivo que escoite e que lea, por exemplo, a sentenza que declara ilegal a prórroga de ENCE. “Deixe de enganar á cidadanía, as traballadoras e traballadores e póñase a buscar unha localización alternativa, defenda o emprego en lugar de defender ó consello de administración da empresa”, recalcou.
Tamén lle reprochou que leve meses desaparecido da Mariña, “mandos os seus deputados á manifestación porque vostede non se atreve a pisar esa comarca e vota en contra da intervención da fábrica de San Cibrao, porque a única intervención que lle gusta ao PP é coller as empresas públicas para vendelas a prezo de saldo e que os seus amigos fagan negocio co que é de todos e de todas. Vímolo na AP9 e tamén con ALCOA”, denunciou.
Pontón destacou que o actual marco enerxético é autoría do Goberno de Rajoy, e ten como resultado o “esperpento” de que unha Galiza rica en electricidade teña miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos mentres o PP “veta” a tarifa eléctrica galega. E, en paralelo, cun boom eólico depredador, pechan empresas como VESTAS, “cando se podería solucionar vinculando os novos parques eólicos a que unha parte dos compoñentes se fabricasen aquí”.