Ana Pontón a Feixóo: “Rache o guión da prepotencia, da mentira e da rifa e fagamos política de altura como require a situación do país”
Propostas clave a negociar: reforzar a sanidade, modelo de residencias, rescate dos sectores máis afectados e xestión directa dos fondos europeos
“O peor que lle pode pasar a un gobernante é que termine por crer as súa propias mentiras”, replica ante o “triunfalismo” na xestión da pandemia
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o último pleno dun 2020 marcado pola COVID para pedirlle ao xefe do Executivo que, por unha vez, “rompa o seu guión da prepotencia, da rifa, da mentira e descualificación” que repite en cada sesión de control, “facendo oposición da oposición”, para “facer política con maiúscula e estar á altura do esforzo demostrado polos galegos e as galegas ao longo dun ano durísimo”.
“Propóñolle que se sume á política con maiúsculas, a esa que reclama unha cidadanía que quere contraste de opinións, si, pero que está farta das descualificacións coas que responde sempre neste Parlamento”, salientou Pontón, tras recriminarlle a Feixóo a mala xestión da pandemia que non pode taparse con “triunfalismos” cando o propio comité clínico advirte que Galiza está ás portas dunha terceira onda.
“O seu goberno non fixo unha boa xestión da pandemia e non vale de nada negar que houbo improvisación, falta de anticipación e erros repetidos”, subliñou, ao tempo que instaba ao xefe do Executivo a poñer sobre a mesa as cuestións que urxen no inmediato para que 2021 sexa o ano no se supere a pandemia e se abra paso á reactivación económica e social.
Nesa dirección, Pontón anticipou as propostas do BNG para facer todo o que non fixo o Goberno do PP no contexto COVID. En primeiro lugar, reforzar a sanidade pública, en particular a atención primaria con 250 M€, “máxime agora que se vai encargar tamén da campaña de vacinación”; en segundo lugar, poñer en marcha un novo modelo de coidados dos maiores que garanta unha vellez digna apostando por recuperar a xestión pública das residencias.
Como terceira prioridade, poñer en marcha un plan de rescate real dos sectores e dos traballadores e traballadoras máis afectadas pola COVID, -hostalería, turismo, comercio, cultura e autónomos-. E como cuarto eixo, poñer en marcha unha estratexia de país para que Galiza consiga a xestión directa dos fondos europeos de reactivación, cun mínimo de 12.600 M€. “Porque a reactivación precisa recursos”, recalcou Pontón.
“Catro propostas en catro asuntos cruciais para superar canto antes a crise derivada da pandemia, catro medidas concretas abertas á negociación para sumar a favor deste país desde a política con maiúsculas que require o momento durísimo que viven os galegos e as galegas”, sintetizou a líder nacionalista, pero ás que Feixóo replicou co ton habitual.
O que motivou que Pontón lle advertira ao presidente da Xunta que “o peor dun gobernante non é xa que minta, senón que acabe por crerse as súas propias mentiras, por iso aconséllolle que baixe do coche oficial e saia un pouco a rúa para coñecer a durísima realidade”.
Segue no recunchiño da rifa e da mentira
“Non acaba de entender que isto non vai nin do PP nin do BNG, isto vai dos e das traballadoras autónomas que as están pasando moi mal, dos e das traballadoras da hostalería ao límite pero que non teñen as axudas que necesitan, vai das pequenas e medianas empresas que fan o posible para seguir en pé, isto vai das familias que están preocupadas ou da angustia coa que se vive a situación nas residencias, isto vai do esforzo dos profesionais sanitarios señor Feixóo”, replicou a portavoz do Bloque.
“E isto vai, -concluíu- de transmitirlle ao país que neste Parlamento imos facer todo o posible para que todos e todas poidan ver a luz ao final do túnel. E pese a súa resposta, o BNG vai seguir traballando para mellorar a vida dos galegos e das galegas e alá vostede se quere quedarse no seu recunchiño da rifa, da mentira e da manipulación”.