Ana Pontón a Feixóo: “Quen pacta coa extrema dereita é cómplice das súas políticas contra as mulleres”
Apoio do Bloque á folga feminista do 8M. “As galegas non imos quedar caladas nin submisas” ante as forzas que atacan dereitos e liberdades
Santiago de Compostela, 4 de Marzo 2019.- A portavoz do BNG, Ana Pontón, parabenizou ás galegas pola mobilización deste domingo, anticipo do seguimento masivo que augurou á folga feminista do 8M para deixar unha mensaxe clara: “As galegas non imos quedar nin caladas nin submisas ante os novos ataques aos nosos dereitos e liberdades”.
A dirixente do Bloque criticou que, nun momento de involución no que se cuestionan as reivindicacións feministas, o presidente da Xunta pretenda instalarse nunha suposta equidistancia.
“Sorprende que Feixóo se poña lazos lilas pero sexa incapaz de apoiar á folga do 8M. Por que lle causa urticaria esa folga, por que non é capaz de apoiala?”, interpelou Pontón tras lembrar que o PP votou en contra desa mobilización e en contra de prohibir os ventres de aluguer no pasado pleno en sendas iniciativas no BNG.
“Preocúpame ver ao PP branqueando os seus pactos coa extrema dereita co apoio do presidente da Xunta, dándolle pábulo a quen está atropelando os dereitos das mulleres porque iso ten consecuencias. Quen pacta coa extrema dereita é cómplice do seu discurso e iso é o que está avalando Feixóo”, denunciou.
Contra eses discursos neomachistas, especialmente perigosos porque pretenden disfrazase de feminismo, “é importante mobilizarse” para reclamar mais medios para loitar contra a violencia machista, para acabar coa fenda salarial, para que os gobernos asuman que os coidados son unha tarefa colectiva non das mulleres, para reclamar igualdade real e para evitar dar nin un só paso atrás.
“Na rúa, nas institucións, nas urnas”, os tres espazos nos que Pontón instou a mobilizarse, en particular de cara as vindeiras citas electorais que arrancan coas xerais do 28 de abril, cuxo decreto de convocatoria publica mañá o BOE, poñendo fin ao que cualificou como “lexislatura perdida para Galiza”. Unha lexislatura que deixa unha dobre ensinanza.
Primeira: Galiza necesita recuperar voz propia no Congreso da man dunha forza política como o BNG sen ataduras, que dea a cara polos galegos e polas galegas, tras constatar que as forzas políticas estatais non supoñen máis que unha mera alternancia na discriminación a este país.
Segunda: a incapacidade da esquerda española para reverter os recortes en dereitos e liberdades da dereita, fronte a un PP en minoría. Aí seguen as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE.
“Para os partidos estatais Galiza ocupa un papel secundario e manteñen un esquema centralista, de agravio e de espolio dos nosos recursos”, salientou Pontón, “foi unha tremenda decepción ver como despois dunha década de recortes dun PP afogado pola corrupción, o Goberno de Sánchez continuou polo mesmo camiño da discriminación.
A modo de exemplo, a morna reacción cando están na picota 400 empregos en ALCOA, as novas subas na estafa das peaxes da AP9, a negativa a unha tarifa eléctrica galega, a débeda co Porto da Coruña mentres se condona a do Porto de Valencia ou os orzamentos pactados con En Marea-Podemos, os de menos investimento en 17 anos.