Xerais 2019

Ana Pontón: “Feixóo non pode calar, ten que explicar se comparte a doutrina machista da señora Cayetana”

Cayetana Álvarez de Toledo e Pablo Casado

Pide o voto para o BNG “porque en Galiza estamos disputando os escanos a esa dereita carca e machista que quere levarnos ás cavernas”

 

“Esas declaracións dan vergoña, só lle falto dicir que a culpa da violencia contra as mulleres é responsabilidade nosa”, condenou

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “indecentes” as declaracións da candidata do PP, Cayetana Alvarez de Toledo, no debate de TVE cando aludiu “a cousa esta do feminismo (sic)” banalizando a loita de milleiros de mulleres contra a violencia machista e a favor da igualdade real. Pontón pide a Feixóo que aclare se o “supremacismo feminista” do que fala é o discurso machista da candidata do seu partido.

“Fixo unhas declaracións que son unha vergoña para as mulleres, inconcibibles en pleno século XX, e o que lle pido a Feixóo é que aclare se comparte esas declaracións da súa candidata que só lle faltou dicir que a culpa de que violen ás mulleres é porque levamos a saía moi curta. É a pinga que colma o vaso que a estas alturas aínda teñamos que soportar este tipo de declaracións”.

Pontón lembra que as galegas “acabamos de protagonizar un 8M masivo onde deixamos moi claro que estamos fartas de desigualdade e non é tolerable que vexamos a unha candidata do PP case que xustificando a violencia contra as mulleres e culpabilizando as propias mulleres da existencia desa violencia”, recriminou.

Ante unhas declaracións deste tipo, o presidente do PPdeG non pode poñerse de perfil. “Non pode calar, ten que dicirnos se comparte ou non estas declaracións”, indicou, ao tempo que instou ás mulleres a pararlle os pés a esta dereita que quere levarnos ao pasado.

“As galegas temos o 28 de abril a oportunidade de protagonizar outro 8M que signifique apostar por unha forza como o BNG que defende o feminismo, tendo en conta ademais un dato moi importante: que en Galiza é o Bloque quen lle está disputando escanos a esa dereita carca, antigalega e machista que quere levarnos ás cavernas”, salientou Pontón.

A líder do Bloque tamén lle pregunta a Feixóo “se ese supremacismo feminista do que fala é o que defende esta señora Cayetana porque o que estamos vendo en Galiza é que é o PP de Feixóo quen representa a peor cara desa dereita rancia e carca que nos quere levar as cavernas atacando á dignidade das mulleres. Porque onte, o que fixo o PP foi atacar a todas as mulleres que estivemos o 8M na rúa, a todas as que empezaron a denunciar a violencia machista e a todas as que denunciamos que non podemos ser discriminadas polo mero feito de ser mulleres”, concluíu.