Ana Pontón a Feixóo: “Non defende Galiza ante o Estado e ademais goberna a favor dos lobbys económicos amigos do PP”
O BNG logrou unha rebaixa histórica na AP-9, o PP que paguemos peaxes ilegais. “Adiviña quen era conselleiro cando Aznar privatizou a AP-9? Alberto Núñez Feixóo”, subliña
O BNG defende unha tarifa eléctrica galega para abaratar o prezo da luz, o PP ás eléctricas. “Nunca me verá abrazada ao lobby eléctrico”, recalcou
Nun momento complexo e crítico, Galiza precisa máis que nunca un Goberno que vele polo interese xeral pero o que ten é un presidente da Xunta que, como denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón na sesión e control, “móvese entre a submisión a Génova e a confrontación inútil ante o Goberno central, utilizando Galiza como arma partidista a favor do PP e dos lobbys económicos amigos do PP”.
Non defende Galiza ante o Estado, e por riba vende Galiza ante os lobbys económicos, sintetizou a líder do Bloque, apoiando a súa denuncia cun rosario de exemplos.
“Vostede non defende Galiza cando renuncia á xestión directa dos fondos europeos, nin ten unha estratexia para que recibamos até o último euro que nos corresponde; non defende Galiza cando se nega a pedirlle ao Estado a intervención pública de ALCOA, deixando no aire o futuro dunha comarca enteira; nin cando permite a discriminación do Porto da Coruña reclamando a condonación da débeda como tivo Valencia”, enumerou.
A submisión á estratexia de confrontación que marca Génova impídelle defender os intereses de Galiza ante o Goberno central pero é que, ademais, goberna a favor dos intereses económicos de grandes empresas, en cuxos consellos de administración se sentan moitos altos cargos do PP, aínda que iso supoña “vender” Galiza.
“Vende Galiza cando se pon do lado da dirección de ENCE, en lugar de poñerse a traballar para o traslado da factoría; cando ante a estafa da luz, abraza ás eléctricas, impulsa un boom eólico depredador e vota en contra da tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz”, salientou, “e vende Galiza cando mira para outro lado ante a estafa das peaxes da AP-9 dicindo que son cousas do pasado. Así é como lle chama á 1.091 M€ cobrados de xeito ilegal aos galegos e galegas desde 2013?”.
Pontón facía referencia á decisión da Comisión Europea que ven de declarar ilegal as ampliacións da concesión da AP-9 aprobas por PP e PSOE? “A última de 25 anos, agasallo do señor Aznar, que tamén privatizou a prezo de saldo a AP-9. Sabe quen era o conselleiro de Política Territorial na privatización, a que non o adiviña? Alberto Núñez Feixóo”, salientou, destacando a responsabilidade do xefe do Executivo nunha decisión ruinosa para Galiza.
ENCE, ALCOA, estafa da luz, boom eólico depredador, peaxes ilegais, “así é como vostede vende Galiza e goberna a favor dos lobbys económicos amigos do PP”, reiterou. E iso ten consecuencias: desertización industrial, emigración, crise demográfica, destrución de emprego e perda de peso político e económico. En definitiva, unha Galiza cada vez “máis pequena” e con menos oportunidades.
“Pero desde o BNG non imos permitir que hipoteque o futuro de Galiza, porque somos un gran País cun enorme potencial, talento e xente traballadora”, salientou Pontón, quen utilizou a sesión de control tamén para formular propostas.
Propostas a favor do País
Defender ante o Estado que, aproveitando a declaración da Comisión Europea, se poña fin á concesión da AP-9 e se libere de peaxes unha autoestrada que debía ser gratuíta desde 2012.
Intervención pública de ALCOA, tamén coa participación da Xunta, tarifa eléctrica galega que permita a familias e empresas beneficiarse de sermos produtores de electricidade, poñer fin ao boom eólico depredador e enfocalo cara un aproveitamento que sexa respectuoso co medio rural, co medio ambiente e que contribúa a xerar emprego. E, en relación con ENCE, poñerse a traballar nunha localización alternativa.
Pontón remarcou distancia sideral con Feixóo con exemplos das diferentes posicións do BNG e do PP.
“O BNG conseguiu unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9, o PP 25 anos de peaxes ilegais; e moito critican o acordo de investidura para despois tentar colgarse esa medalla. O BNG defende unha tarifa eléctrica galega que o PP veta, mentres permite o baleirado dos encoros e rebaixa as sancións ás eléctricas. A min nunca me encontrará abrazada ao lobby eléctrico”, recalcou.
A líder nacionalista replicou á “cantinela” de Feixóo en contra do acordo de investidura co PSOE: “A alternativa era un goberno do PP máis ultra de ganchete coa extrema dereita”, alegou, avisando que o BNG ía seguir “dicíndolle as verdades no Parlamento, por moito que parece vostede ter intolerancia ao debate parlamentario”.