Ana Pontón a Feixóo: “ Non atente contra a saúde das mulleres e as crianzas, rectifique e reabra a sala de partos de Verín”
O BNG pide unha votación en urna para “votar en conciencia” á proposta nacionalista
Reabrir a sala de partos e restituír as urxencias pediátricas no Hospital de Verín teñen en pé de guerra a toda unha comarca que non está disposta a quedarse cruzada de brazos vendo como o Goberno do señor Feixóo recorta servizos básicos, a costa de “atentar contra o dereito á saúde das mulleres e das crianzas”, reiterou.
O BNG pide votar a Proposición non de lei en urna
Pontón, dirixíndose á bancada dos deputados e deputadas do Partido popular, preguntou si elixirían parir a 80 quilómetros de distancia ou facelo a cinco minutos da súa casa. Quen de vostedes elixiría ter o pediatra do seu fillo ou filla a unha hora podendo telo á porta da casa? É tan difícil de entender que unha muller non queira arriscarse a parir nunha ambulancia en plena estrada? E tan difícil de entender que un pai, unha nai queiran ter un pediatra cerca para atender unha urxencia? Isto é exactamente o que piden os veciños e veciñas cando reclaman a reapertura da sala de partos e as urxencias pediátricas no hospital de Verín.
A nacionalista solicitou o voto da iniciativa do BNG en urna para facilitar o “voto en conciencia”.
Para Pontón, a proposta do BNG é tamén un compromiso co rural, porque temos a obriga moral de traballar para que os veciños e veciñas do rural, das vilas pequenas teñan os mesmos dereitos e servizos que os das cidades.
E, por último, recalcou é unha oportunidade para que vostedes, señores e señoras do PP, rectifiquen. Unha oportunidade para que o PP e para que Feixóo rectifique para que Verín e a súa comarca recuperen os servizos sanitarios que “nunca, nunca, nunca debeu perder”.
Rectifiquen: deixen de lado os partidismos, deixen de lado a “prepotencia, a soberbia, a propaganda e as mentiras e póñanse do lado das persoas” .Por unha vez, fagan o correcto e deixen de xustificar o inxustificable cun argumentario que van rectificando sobre a marcha e a base de esconderse detrás dos profesionais.
Primeiro aludiron a que era mellor primar a calidade sobre a comodidade, como se ter servizos sanitarios cerca fose un capricho das mulleres, dos pais e das nais. Despois alegaron que coa redución de partos se perdía pericia, até que foron desmentidos polos propios profesionais. Lembremos que en Verín foron atendido máis de 3.000 partos. Pero tamén utilizaron a escusa do descenso do número de partos, alegando que non se cumprían as ratios establecidas pola OMS, a pesar de que a ratio de número de partos anual no se cumpre en ningún hospital comarcal. Por que entón se pecha Verín? Ou están xa anunciando que detrás van ir os hospitais comarcais da Costa, da Mariña, do Salnés, de Monforte? Preguntou Pontón.
Un parto posible en Verín grazas á responsabilidade dos profesionais
Pontón lembrou as circunstancias que rodearon o último parto no Hospital de Verín. Un parto, dixo, posible grazas a responsabilidade do xinecólogo xefe e a matrona, que decidiron “evitar o risco de que unha muller embarazada tivese o parto nunha ambulancia, no medio da estrada camiño de Ourense”. Pontón explicou que unha muller embarazada acudiu ao Hospital de Verín e o xinecólogo xefe e a matrona de garda concluíron que o parto é tan inminente que só cabían dúas opcións: “reabrir o servizo pechado ou arriscarse a que o parto tivera lugar na ambulancia”. Ambos apostaron pola seguridade da muller e da crianza e pidiron ao Hospital de Ourense que enviarán un pediatra. Para conseguilo, o xefe de xinecoloxía viuse obrigado a recorrer ao xulgado.
A secuencia finaliza cun parto sen problemas pero a penas transcorridos cinco minutos o recen nacido é literalmente “arrincado dos brazos da nai” como declarou aos medios de comunicación o pai da criatura. O recen nacido foi trasladado só en ambulancia a Ourense, nun acto cualificado pola presidenta da Asociación Española de Psicoloxía Perinatal de “violencia contra a muller”.
Horas despois é trasladada a nai que permaneceu nos corredores do CHUO dúas horas en cadeira de rodas até pasala á habitación, xa mareada e despois de sufrir unha hemorraxia.
A calquera persoa cun mínimo de sensibilidade lle saltarían todas as alarmas, desde logo ao BNG si. Non podemos dar carta de normalidade a uns feitos que consideramos gravísimos polo que reclamamos unha investigación dentro do propio SERGAS para esclarecer que fallou e esixir responsabilidades. “Ningunha embarazada, ningunha nai, ningunha crianza, repito, ningunha embarazada, ningunha nai, ningunha crianza poden volver a pasar por unha situación semellante”, recalcou Pontón.
Estes feitos gravísimos serviron tamén para constatar a urxencia de reabrir a sala de partos do Hospital de Verín canto antes, para restablecer un servizo sanitario a favor das mulleres e dos nenos e nenas. Por iso está proposición non de lei do BNG debería contar co apoio unánime deste Parlamento, empezando pola bancada do PP.