Ana Pontón a Feixóo: “A manada non son cinco, as manadas están na política, na xustiza e nas institucións”
Pide que demostre que non forma parte de ningunha delas e cumpra a lei contra a violencia de xénero
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón mostrouse hoxe especialmente crítica na sesión de control ao Presidente da Xunta afirmando que “a manada, non son cinco, as manadas están na política, na xustiza e nas institucións” e pediu a Feixóo que demostre “non formar parte de ningunha delas e cumpra a lei contra a violencia de xénero” porque, “sen vontade política e recursos económicos non se pode avanzar”. Estamos, dixo, “falando da vida das mulleres, do noso dereito a ser libres e de vivir sen violencia”.
A portavoz do BNG lembrou que no que vai de ano morreron asasinadas 45 mulleres na última década, tres delas en Galiza, mulleres, recalcou que xa non poden falar e por iso “debemos falar nós no seu nome”. Magdalena Moreira, foi asasinada no Porriño pola súa parella, recibiu tres tiros, un na cabeza e dous nas costas. María Judith Martins, foi degolada polo marido na súa vivenda da cidade da Coruña e Ana Belén Varela, o seu home pegoulle dous tiros polas costas, na súa casa e diante dos seus fillos.
A nacionalista preguntou a Feixóo cal sería a resposta da Xunta se en vez falar de mulleres estiveramos falando de 45 deputados ou futbolistas asasinados, e mostrouse convencida de que de ser así, poríase todo patas arriba, pero lamentablemente, recalcou, “a manada non son 5, hai moitas manadas, hai manadas na xustiza, hai manadas na política e hai manadas nas institucións que tamén exercen violencia contra ás mulleres”. En nome desas mulleres, hoxe nós denunciamos que estamos ante un feminicidio, que 55.000 mulleres denunciaron violencia machista, que cada semana prodúcense 3 violacións e centos de mulleres sofren diariamente violencias machistas.
“Violencias, dixo, que nos agreden a todas como cando o seu goberno boicotea a folga do 8M, cando recortou as axudas para as mulleres en situación de violencia, cando vota en contra de destinar un de cada cen euros a loitar contra as violencias machistas ou cando o seu goberno, incumpre a lei contra violencia de xénero e os acordos deste Parlamento”.
Na súa intervención, a portavoz do BNG trasladou ao Presidente da Xunta catro propostas para avanzar na loita contra a violencia de xénero: destinar 100 millóns de euros para loitar contra o feminicidio. Cumprir a lei, empezando por dar asistencia psicolóxica en atención primaria porque hoxe, o 90% das mulleres maltratadas que denuncian non reciben este apoio. Poñer en marcha unha unidade específica contra a violencia de xénero adscrita á dirección Xeral de Xustiza e aumentar un 30% as prestacións que reciben ás mulleres en situación de violencia subindo o límite para recibir estas axudas de 800 a 1.000 euros mensuais.
Pontón lembrou que a normativa máis avanzada do Estado contra a violencia de xénero foi promovida dende o Goberno bipartito e volveu a pedir a Feixóo que rectifique todos os recortes que aplicou nesta materia dende que goberna.