Ana Pontón a Feixóo: “Machismo é recortar as axudas directas ás vítimas de violencia machista”
Pídelle que deixe de exercer de profeta da potsverdade e que se quere facer partidismo “utilice a sede do PP, pero non a Presidencia da Xunta”
A portavoz nacional, Ana Pontón, responde ás declaracións de Feixóo quen, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, acusou á líder nacionalista de ser “machista”, instalado nunha fuxida cara adiante na que, a falta e argumentos, pisa o acelerador da manipulación e do insulto.
"Quixera dicirlle ao señor Feixóo que machista é recortarlle as axudas directas ás mulleres maltratadas, machista é vetar destinar máis recursos para combater esta violencia, -como propón o BNG-, machista é incumprir a Lei galega de violencia, machista é ignorar sistematicamente os acordos parlamentarios nesta materia. Iso si é machista”, salientou Pontón, que continúa a súa axenda de contactos coa diáspora galega, nesta xornada desde Bos Aires.
Pontón tamén reclama a Feixóo que deixe de utilizar a institución da Presidencia para atacar á oposición. “Se quere facer partidismo, que utilice a sede do PP non a Presidencia da Xunta”, indicou, ao tempo que lle recomendaba “deixar de facer o ridículo con insultos propios dun profeta da post-verdade”.