Ana Pontón a Feixóo: “O infantilismo de adiantar o debate da nación non vai esconder o seu fracaso en Galiza”
O BNG está preparado para ir a por todas ante unha probable repetición electoral e acabar co “indignante ninguneo” das forzas estatais ao país
Tanto “bota pestes” contra Sánchez como actúa de “tonto útil do PSOE” ofrecendo unha coalición. “Non superou o trauma de non poder dar o salto a Madrid”, ironiza
“O adianto é un xesto de infantilismo que deixa espido ao propio presidente do PP pois tenta esconder o seu balanzo detrás dunha posible nova convocatoria de eleccións consciente do fracaso da súa xestión. É unha mostra das súas propias debilidades”, salientou a líder nacionalista, “e este intento de colocar o debate de Galiza debaixo do que pasa no Estado indica que non ten a cabeza aquí, que non superou o trauma de non poder dar o salto a Madrid”, ironizou.
E de aí os intentos de Feixóo por “facerse notar”, argumenta: “pola mañá vémolo botando pestes contra Pedro Sánchez e pola tarde vémolo como fai de tonto útil do PSOE propoñendo unha gran coalición que, ademais, cae en saco roto e evidencia que non lle fan ningún caso no PP, que está fora de xogo”, subliñou.
Argucias infantís e tamén a mentira como recursos para tapar o seu fracaso, como no caso da construción das sete residencias da terceira idade. “Mentiulle os e as galegas cando dixo que ía construílas en 2017, en 2018 e no último debate do estado da nación anunciando que estarían licitadas no primeiro trimestre de 2019”, denunciou Pontón. A día de hoxe, todo o que hai é un protocolo que recolle que será unha empresa privada a encargada de executalas.
“O protocolo é a constatación de que mentiu e que as residencias quedan en mans do mecenazgo dun empresario que, todo hai que dicilo, se beneficia dun sistema fiscal que permite que as grandes fortunas tributen ao 5% mentres os e as traballadoras tributan en moitos casos ao 20%”, argumenta a líder do Bloque.
Pontón avanzou que o BNG vai poñer todo o seu empeño en que no debate de política xeral se fale dos problemas dos e das galegas, para demostrar que outra Galiza é posible “porque este país non precisa máis submisión senón máis Galiza e menos Madrid, un cambio desde a nosa realidade que nos permita acabar con esa dependencia”.
A única forza coas mans libres
En relación á eventual repetición electoral, a portavoz nacionalista salientou que o Bloque “está preparado para saír a por todas e acabar co indignante ninguneo dos nosos intereses porque a insignificancia política á que as forzas estatais levan a Galiza pon en risco cuestións clave como o futuro da industria electrointensiva, acabar coa estafa da AP9, conseguir un financiamento xusto ou poñer solución a problemas ambientais como o saneamento integral das rías”, indicou a modo de exemplo.
Tras o “papelón bochornoso” dos e das deputadas galegas nos últimos meses, alegou, “quedou claro que só o BNG pode darlle voz a Galiza por ser a única forza política sen ataduras. “Son cómplices do menosprezo e da discriminación, pídenlles os votos a xente deste país pero despois esquécense dela. Hai demasiado en xogo como para deixar pasar esta nova oportunidade”, indicou, se finalmente hai que volver ás urnas polo “enroque” PSOE-Podemos.
“Déronse moitos golpes de peito, pero que ten demostrado máis sentido de Estado foron precisamente as forzas nacionalistas frontes ao oportunismo político das forzas estatais”, concluíu.