Ana Pontón: “Feixoo actúa como valedor do lobby eléctrico a costa do espolio de Galiza”
Eólicos si, pero desde un modelo xusto no ambiental, económico e social, como pediron miles de galegxs na maior manifestación en tempos COVID
Critica que o canón eólico son migallas da facturación millonaria das eléctricas, que recolocan a ex cargos do PP a través das portas xiratorias
Galiza está inmersa nun segundo boom de depredación eólica no que o Goberno do PP se coloca a favor do lobby eléctrico e en contra da cidadanía, mentres sube a factura da luz, subida que en Galiza é especialmente “aberrante” por ser produtora de electricidade. Neste contexto, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, o BNG leva o asunto ao pleno do Parlamento, tras a masiva manifestación a favor dun modelo sustentable a favor do País.
“Feixóo ten que aclarar de que lado está, se dos que defenden os intereses de Galiza, das PEMES, das familias ou se vai seguir abrazado ao lobby enerxético, facendo de comercial de Iberdrola, de Naturgy e doutras multinacionais eléctricas colocando os recursos do País ao seu servizo”, salientou a líder nacionalista, ante un presidente da Xunta, “que actúa como o principal valedor do espolio enerxético do País”.
Un papel que Feixóo exerce, recalcou, desde o minuto cero da súa chegada á Presidencia, con decisións inmediatas como a de suprimir a participación pública voluntaria como criterio na adxudicación de novos parques eólicos ou a aprobación en tempo record dunha nova lei “que lle deu patente de corso ás eléctricas para aproveitarse dos recursos naturais sen máis contrapartidas que unhas migallas” en forma de canón eólico.
A modo de exemplo de até que punto este canón representa unha contía ínfima sobre os beneficios eólicos, Pontón citou como exemplo o Parque eólico de Ourol da empresa Greenalia, na que encontrou acomodo a ex conselleira de medio ambiente Beatriz Mato “a través das portas xiratorias”. Cun beneficio bruto estimado de 2,1 M€ nesa explotación, o canón estimado é de 11.500 €, un 0,55%: “migallas para o público tras elaborar unha normativa á medida das eléctricas que responden recolocando a ex cargos do PP”, sintetizou Pontón.
Urxe mudar este modelo de espolio no que Galiza asume os custes ambientais, sociais e económicos mentres que os beneficios emigran, e nin sequera se traduce en postos de traballo como se empeña en difundir a propaganda do lobby eléctrico.
“O consello de Muras con 381 aeroxeneradores, o de máis muíños de toda Galiza, e dous postos de traballo fixos. O único beneficio real foi o decretado polo goberno municipal do BNG abaratando o prezo da luz aos seus veciños e veciñas”, explicou.
Pontón vai aproveitar a sesión de control para pedirlle a Feixóo que rectifique un modelo “depredador” dos recursos eólicos do País, que só utiliza Galiza como subministradora de materias primas a favor de multinacionais”.
“Eólicos si, pero cun modelo sustentable, que respecte á poboación do rural e que utilice a enerxía que se obtén para desenvolver riqueza e emprego aquí, reclamando que temos dereito a pagar un prezo máis barato pola luz, a través dunha tarifa eléctrica galega, precisamente para compensar os custes sociais e ambientais de xear electricidade. E tamén imos solicitar que se reduza do 21% ao 4% o prezo da electricidade, porque non se trata dun produto de luxo senón dun ben de primeira necesidade”, concluíu.