Ana Pontón a Feijóo: “Que lei lle permite ao imputado Villar Mir dar un pelotazo de 255 millóns?”
- Tras a reunión co comité de empresa pide ao presidente que na reunión cos alcaldes pronuncie as palabras que toda a Costa da Morte espera oír: “As centrais nin se segregan, nin se venden”
A portavoz nacional, Ana Pontón, insta ao presidente da Xunta a explicar “en que lei se recolle que hai que permitirlle a Villar Mir dar un pelotazo de 255 millóns de euros coas centrais do Xallas, un empresario investigado por presunto financiamento ilegal do seu partido”, argumentou tras as explicacións do xefe do Executivo galego.
En relación a petición de Feijóo de non deixarse presionar polas opinión políticas dos representantes dos traballadores ou da propia Comarca da Costa da Morte, Pontón indicou que “o único que parece sentirse presionado é él e o seu goberno por un empresario que leva anos aproveitándose dos recursos naturais deste país, e investindo fora, un señorito madrileño que agora está implicado no caso de corrupción do PP que se investigan na Operación Lezo”.
Pontón, que esta tarde mantivo un encontro co comité de empresa de Ferroatlantica, instou a Feijóo a que na reunión que ten cos rexedores da Comarca da Costa da Morte “se molle dunha vez e pronuncie as únicas palabras que todo o mundo espera: que as centrais nin se segregan, nin se venden porque son a única garantía para o mantemento de 300 postos de traballo”.
A dirixente do BNG comunicou aos representantes dos e das traballadoras de Ferroatlántica a formalización da solicitude de comparecencia do comité de empresa na Comisión de Industria do Parlamento, para explicar a súa oposición fronte á pretensión da multinacional de segregar e vender as centrais dos ríos Xallas e Grande dando un “pelotazo” de 255 millóns de euros que se destinarán a pagar débeda do grupo fora de Galiza.
Pontón transmitíu o total apoio do BNG ás súas demandas en contra desa venda especulativa que pretende o empresario madrileño Villar Mir, agora investigado por suposto financiamento ilegal do PP na Operación Lezo.
“Igual que os traballadores e as traballadoras, igual que a maioría da Costa da Morte e igual que os alcaldes da comarca pensamos que o único salvavidas para os 300 empregos nas plantas de Cee e Dumbría son as centrais eléctricas e a súa vinculación coa actividade industrial”, arguementa Pontón.
Pontón denunciou a opacidade coa que a Xunta actúa neste asunto, de tal xeito que aínda non enviou ao Parlamento a documentación presentada pola multinacional para xustificar a súa venta especulativa, “detrás da que só hai o intento de Villar Mir de beneficiarse de recursos públicos de todos e de todas para facer caixa e liquidar débeda do seu grupo fora de Galiza”.
Esa falta de transparencia tamén se evidencia na falta de información aos representantes dos e das traballadoras tras a reunión mantida co conselleiro de Industria.
“Tras meses ignorando ao comité de empresa, accede a un encontro para despregar a mesma ambigüidade calculada mostrada por Feijóo ao longo de todo o proceso”, criticou Pontón, quen confía en obter unha resposta clara do presidente da Xunta na sesión de control do próximo pleno onde lle preguntará ao xefe do Executivo galego cal é a posición do seu Goberno ante as pretensión do imputado Villar Mir.