Ana Pontón: "Feijóo debe ser xulgado polo exterminio do galego"

A deputada acusa ao Presidente da Xunta de levar a lingua galega a un verdadeiro “apartheid lingüístico” con políticas regresivas e teses da ultradereita

A deputada do BNG, Ana Pontón acusou hoxe ao Presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijóo de

practicar un verdadeiro “apartheid lingüístico” da lingua galega.

A deputada,acusa ao Partido popular de aplicar políticas de retroceso, exclusión e ataques á lingua galega vulnerando sistematicamente a lei e o espírito do Plan de Normalización Lingüística polo que , ao seu entender, “Feijóo debe ser xulgado polo exterminio do galego”.

A portavoz de de Política Lingüística do BNG explica que os últimos datos da enquisa do IGE constatan as denuncias de significativos sectores da sociedade galega contra o retroceso, sen precedentes, que está vivindo a lingua galega.

Galiza padece unha situación lingüística que “non responde a un fenómeno natural, nin normal” máis ben, é consecuencia directa das políticas contrarias o galego que vivimos nos últimos anos. Políticas, engade Pontón, nas que o PP se aliou coas teses da ultradereita e que na práctica “poñen en marcha un auténtico apartheid lingüístico”. A política de Feijóo, recalca a deputada, non só quere manter a exclusión do galego, “busca reducir o seu uso, espazo e prestixio” para acabar exterminándoo.

Culpar ás familias e ás persoas

A deputada considera que estamos vivindo un momento delicado e clave para o futuro polo que reclama “un cambio urxente” da política lingüística da Xunta. Resulta notorio, afirma, que o Goberno aplique unha política que os propios tribunais de xustiza consideraron ilegal e que vulnera toda a lexislación en materia de normalización lingüística.

Para o BNG é posíbel mudar estas tendencias retomando o consenso plasmado no Plan xeral de Normalización Lingüística aprobado hai dez anos por unanimidade no Parlamento e que Feijóo condenou a ser “papel mollado e a norma máis vulnerada nos últimos anos”.

A deputada censurou que a Xunta e o PP non aceptaran ningunha das emendas que presentou o BNG aos orzamentos para aplicar o Plan Xeral de Normalización, “é dramático que os orzamentos de Feijóo para o apoio ao galego sexan os máis baixos dos últimos anos” . A viceportavoz do BNG recalcou que “é falso que o recorte teña que ver coa crise. É unha decisión política” e resulta “vergoñento que Feijóo gaste tanto en asesores como en apoiar o galego. Para o BNG a negativa do PP a aceptar ou transacionar algunha destas emendas é unha nova mostra do “encastelamento do PP e nula vontade para mudar unha política ilegal e lingüicida”.

Declaracións de Alonso Montero

Ana Pontón amosou a súa “sorpresa e indignación”porque nun momento de debate social sobre a crítica situación do galego, o actual presidente da RAG se dedique a insultar e atacar a entidades de longa traxectoria en defensa do galego. Para Pontón, as declaracións do presidente da RAG non só descualifican ao Alonso Montero, senón ao conxunto da Real Academia Galega, “denigran a esta institución e danan o seu prestixio” polo que esixiu “unha inmediata rectificación pública”.

Por outra parte, tamén amosou a súa preocupación polas declaracións do recen electo presidente da RAE que literalmente reproducen o argumentario de Feijóo ao afirmar que “a culpa da situación do galegos é das familias”. Unhas afirmacións que non teñen amparo do punto de vista dos estudos lingüísticos e nas diagnoses realizadas por persoas expertas nesta materia.

A nacionalista anunciou que o BNG iniciará unha campaña , a nivel social e institucional, co fin de impulsar un fondo debate que restaure a lingua e un movemento social que recupere o consenso fraguado no Plan Xeral de Normalización Lingüística.