Ana Pontón fai un chamamento a votar este 28M “porque hoxe temos o poder de decidir que tipo de políticas queremos para os nosos concellos e vilas”
A portavoz nacional, Ana Pontón, acompañou esta mañá á candidata á Alcaldía de Santiago de Compostela polo BNG, Goretti Sanmartín, no momento de ir votar no colexio electoral da facultade de Filosofía da USC, e fixo un chamamento á participación “porque hoxe temos o poder de decidir que tipo de políticas queremos para os nosos concellos e vilas”.
“O voto é o poder que hoxe a xente ten para decidir que políticas quere para loitar contra o cambio climático, que políticas quere para que haxa concellos que poñan no centro a vida das persoas, que políticas quere para poder defender a nosa lingua, o noso idioma, o noso patrimonio, que políticas quere para construír concellos onde haxa máis futuro e máis oportunidades para as persoas”, sinalou a líder do BNG.
Pontón reafirmou a importancia de que toda a cidadanía exerza o seu voto “e que a xente se achegue ás urnas a votar con coñecemento, que este sexa un grande día para a democracia”, desexou.
A portavoz nacional estará pendente “de toda a xornada electoral”, declarou, xa que a partir das sete da tarde estará co resto da Executiva Nacional no BNG, na Nave de Vidán en Compostela, seguindo este 28M “con moita ilusión, para as e os que cremos na política esta xornada electoral é un día grande, que ningún voto quede na casa”, concluíu.
Goretti Sanmartín: “Hai un número de persoas indecisas moi elevado que pode ser determinante para o futuro se van votar”
Pola súa banda, a candidata á Alcaldía polo BNG, Goretti Sanmartín, desexou “un día sen incidencias e co maior número de participación posible”. Convidou á veciñanza compostelá a achegarse ás mesas de votación ao longo de día “para que exerzan o seu poder e decidan cales son os seus representantes na vindeira corporación municipal e quen vai ser o seu alcalde e alcaldesa”.
Sanmartín subliñou a importancia de exercer o voto nun contexto “no que hai un número de persoas indecisas moi elevado que pode ser determinante para o futuro se van votar”, polo que fixo un chamamento a que todas as persoas exerzan o seu dereito ao voto, “porque cada voto conta”, remarcou.