Ana Pontón fai un chamamento ás mulleres galegas para abrir un “tempo novo” da man do BNG
Lembra o legado de Rosalía e das feministas precursoras e afirma que o 5 de abril, Galiza ten unha oportunidade para que unha muller feminista, nacionalista e do BNG presida o goberno
“As mulleres non somos medias laranxas de ninguén, somos laranxas enteiras, somos seres libres, autonómos e con todos dereitos e oportunidades”
Ante un nutrido grupo de mulleres de diferentes profesións, idade, identidade, vivencias e unidas por unha mesma reivindicación, “a liberdade e facer posibles as demandas feministas”, a candidate do BNG, á Xunta de Galiza, Ana Pontón avanzou algunhas das medidas en materia de igualdade entre as que destacou: unha nova Lei de igualdade, adaptada á realidade do século XXI co fomento da corresponsabilidade, crear unha Valedoría de Igualdade para combater calquera tipo de discriminación e con capacidade para sancionar ás empresas que incorran en diferencias salariais e profesionais por razón de xénero, impulsar a Lei galega de recoñecemento e apoio das familias monoparentais, elaborar un Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados co fin de valorizar a súa relevancia económica e social, unha lei galega de identidade de xénero participada co colectivo trans, reformar os Centros de Información ás Mulleres (CIM) garantindo financiamento, persoal e formación estábel e impulsar a visibilidade e a participación das mulleres nos espazos de participación e decisión de carácter publico ou privado, especialmente das mulleres migrantes, racializadas ou trans.
Chamamento ás mulleres galegas para construír unha Galiza xusta e igualitaria
A candidata nacionalista á presidencia da Xunta de Galiza, fixo un chamamento á forza do feminismo e de todas as mulleres galegas para contruír con nós, dixo, “unha nova Galiza”. Unha Galiza que rompa coas regras patriarcais e na que as institucións teñan como obxectivo conseguir, con feitos e recursos, “relacións simétricas en pé de igualdade”.
As mulleres, “somos laranxas enteiras, non medias laranxas de ninguén, somos seres humanos completos, libres, autonómos e con todos os dereitos e oportunidades”, recalcou Pontón.
Este Este 8 de marzo a reivindicación céntrase en situar os coidados no centro da vida. Conseguir educar na xestión dos afectos e entender que a vida - os seus tempos e os seus espazos-, debe ser a nosa prioridade, representa outra maneira de facer política. “E ninguén pode encarnar mellor ese novo xeito de entender a política que as mulleres feministas e nacionalistas, que acreditan na necesidade de coidar esta Terra que tripamos, na necesidade de poñer a vida no centro, e que apostan pola feminización da sociedade como única maneira de defender a vida”.
Legado de Rosalía, Simone de Beauvoir e Hipatia
Na súa intervención, a candidate do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza lembrou a figura de Rosalía de Castro, unha muller, dixo, que proclamou a liberdade de ser escritora e denunciou a discriminación das mulleres. “E quero recoñecer as moitas rosalías que hoxe na Galiza se plantan para denunciar o acoso e as agresións, para berrar con forza que non renunciarán aos dereitos conquistados e exerceren de seres humanos libres”. Con toda a liberdade e a dignidade con que outra muller, Hipatia, exerceu os seus saberes de filósofa e astrónoma, que lle valeron a lapidación tal día como hoxe, un 8 de marzo do ano 415.
O 5 de abril de 1971 tamén trescentas corenta e tres mulleres francesas asinaron un manifesto (o Manifesto das 343 “salope” –putas-) escrito por Simone de Beauvoir autoincúlpandose de teren abortado e que podían ser sancionadas con prisión. O BNG, recalcou Pontón foi pioneiro tamén nesta loita, cando hai xustamente agora 30 anos “Pilar García Negro defendía na Cámara Galega modificar a lei do aborto de 1985”.
Feixóo e VOX coindicen ideoloxicamente
Hoxe, asegurou a candiadata do BNG, asistimos a “un novo machismo que deixa ver o seu rostro máis noxento na extrema dereita de VOX, mais que tivo a súa expresión nas políticas anti dereitos das mulleres dos 11 anos de goberno de Feixóo. Por algo a Feixóo non lle importa pedir o voto de Vox, e non só porque electoralmente lle interese senón tamén porque coinciden ideoloxicamente”.
Ninguén mellor que as mulleres para saber que hai que defender os dereitos conquistados e non dar nin un paso atrás, que este é o momento de reverter os recortes aplicados polos gobernos do PP en materia de recursos e medios destinados a promover a igualdade.
Nestas eleccións do 5 de abril podemos deixar de retroceder á época das cavernas. “Con toda a humildade, mais tamén con toda a vontade, a única opción que garante que os dereitos das mulleres sexan unha prioridade política neste país é situar unha muller feminista e nacionalista na Presidencia da Xunta de Galiza”, concluíu.