Ana Pontón fai un chamamento aos galegos e galegas orgullosas de ter unha lingua propia a participar na mobilización en defensa do idioma
Subliña a importancia da manifestación convocada por Queremos Galego para o domingo dada a “situación de emerxencia” na que se atopa a lingua
“É un día para reivindicar o orgullo do noso pero tamén para pedir á Xunta que cambie as súas política contra o galego por políticas a favor do galego”
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a todos os galegos e todas as galegas “que levan a lingua no corazón, que queren que o galego teña mil primaveras máis e que senten orgullo de ter unha lingua propia” a participar na mobilización en defensa do idioma convocada pola plataforma Queremos Galego para o próximo domingo en Santiago.
Pontón apelou á implicación do conxunto da sociedade para reverter a “situación de emerxencia” na que se atopa a lingua logo de 15 anos de “políticas do Partido Popular en contra da lingua” que teñen a súa máxima expresión, criticou, “nese decreto da vergoña que converteu o galego nunha lingua de segunda” e que está provocando que “os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego saian sen facelo”.
Así o afirmou logo da reunión que mantivo co portavoz e coa coordinadora de Queremos Galego, Marcos Maceira e Celia Armas, respectivamente, para trasladar o apoio do BNG á mobilización convocada pola plataforma para este domingo baixo o lema ‘Mudemos de Rumbo. O galego ten futuro’, un encontro no que tamén participaron as responsables parlamentarias de Lingua e Cultura, Mercedes Queixas e Iria Taibo.
“O domingo é un día para reivindicar o orgullo do noso, pero tamén para facer un chamamento á Xunta para que cambie as súas políticas en contra do galego por políticas que favorezan que a nosa lingua teña un futuro prometedor”, afondou a portavoz nacional quen considerou que a situación “é crítica”, pero aínda se lle pode “dar a volta”.
Para iso, considerou imprescindible a intervención dos poderes públicos e especialmente do Goberno do PP, ao que reclamou un cambio de rumbo nas políticas que leva practicando nos últimos 15 anos e o cumprimento da legalidade vixente.
“Porque iso é o que se está pedindo na convocatoria do próximo domingo, que se cumpra a Carta Europea das Linguas, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización que foi aprobado hai 20 anos, un gran acordo de país a favor do galego que ten que pasar do papel á realidade”, alegou.
Neste sentido, a líder nacionalista incidiu na importancia dunha mobilización á que chamou a participar a todos os galegos e galegas que están orgullosos e orgullosas da lingua herdada das nosas avoas e dos nosos pais e que queren que sexa tamén a lingua das nosas fillas e dos nosos netos. “Temos que estar presentes este próximo domingo para dicir alto e claro que queremos futuro en galego e que, polo tanto, imos reclamar que haxa un cambio de rumbo nas políticas da Xunta”, sintetizou.
“É unha cita fundamental e creo que o futuro do galego tamén depende desta mobilización, polo que é clave que sociedade estea presente este próximo domingo na praza da Quintana, en Santiago de Compostela”, concluíu.