Ana Pontón: “Fagamos historia o 12X cunha muller nacionalista como presidenta para construír unha nova Galiza”
Galiza precisa un goberno “que se faga valer” e para iso a derrota do PP ten que estar liderada polo Bloque
Santiago, como capital do país, elixida para a apertura da campaña cara as urnas
Facer historia. Ese é o reto que se marca o BNG na cita electoral o 12 de xullo para que, por primeira vez, este país teña unha muller e unha nacionalista presidenta, liderando o goberno que permita construír unha nova Galiza. É par iso, só se necesita que todas as persoas que queren un cambio real, un cambio galego, se mobilicen de xeito masivo nas urnas da man da formación nacionalista e da súa candidata á Presidencia, Ana Pontón.
E foi precisamente Pontón quen apelaba a facer historia e a unha mobilización masiva no acto de apertura de campaña en Santiago de Compostela, previo á tradicional pegada de carteis esta medianoite tamén na capital do país, no que estivo acompañada polas persoas que encabezan as candidaturas: Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra).
“Comeza unha campaña na que nos marcamos un obxectivo tan ambicioso como ilusionante: facer historia é que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista como presidenta”, proclamou, “facer historia é conseguir o cambio que prenda o motor deste país e venza á parálise e a submisión que representa o PP; facer historia é construír unha nova Galiza, gobernada desde nós, viva, dinámica, con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza diante de Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo”, explicou Pontón.
E para conseguir facer historia apelou á mobilización masiva de todas as persoas que queren un cambio real, pediu que a vontade de cambio se exprese nas urnas collendo a papeleta do BNG. “Para facer historia hai unha condición: mobilizarse”, subliñou, “ninguén que queira unha Galiza mellor pode quedar na casa, a ilusión que hai na sociedade por un cambio galego ten que mostrarse con orgullo, facerse visible e proclamarse sen complexos nas urnas”.
Neste sentido, a candidata nacionalista deixou claro que estamos ante unha campaña “que se vai librar casa a casa, conversa a conversa, opinión a opinión, voto a voto”.
O 12 de xullo “toca escoller”, indicou, “entre a Galiza parada de Feixóo e a Galiza co motor en marcha do BNG, escoller entre unha nova maioría do PP para que seguir no retroceso, perdendo peso económico, político e social ou elixir o cambio galego que representa o BNG cun proxecto capaz de poñer o país en marcha”.
“Quero ser a presidenta desa nova Galiza, dese país que se vai facer valer, que vai usar ao seu favor a súa capacidade, o seu potencial, os seus recursos. E por iso, apelo hoxe a toda esa Galiza viva, dinámica e esperanzada que non quere catro anos máis de parálise e retroceso senón que quere abrir un tempo novo, apelo a que se mobilice por un cambio real para facer historia, para que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista na Presidencia”, recalcou.
Confiar e nós mesmos, en nós mesmas
Pontón non escatimou entusiasmo e corazón á hora de pedirlles aos galegos e as galegas que aposten por darlle “un novo rumbo” ao país o 12X, “confiando en nós mesmos, en nós mesmas”, sabendo que o BNG é a única forza capaz de liderar un goberno “que se faga valer” e por iso “somos a alternativa para derrotar ao PP”.
“É tempo de que teñamos un Goberno que mire polo noso e acabe con tantos anos de submisión que nos deixan un país minguante: menos poboación, menos emprego, menos industria, menos oportunidades. Por contra, Galiza ten que ir a máis en oportunidades, en igualdade real das mulleres, en futuro para a xente moza, a máis en innovación e emprego”, enumerou.
Ilusión e rebeldía para poñer Galiza en marcha
“É tempo de prender o motor de Galiza e recuperar o pulso do país, tempo de poñer en marcha un goberno liderado polo BNG con proxectos e con ideas para mellorar a vida da xente; é tempo de ilusión e de rebeldía é o tempo de levar ás urnas as loitas sociais contra os recortes e as privatizacións nos servizos públicos e nos servizos sociais apoiando de maneira masiva o cambio galego que representamos”, proclamou a líder nacionalista.
“Hoxe comeza a conta atrás do cambio galego e como candidata eu, e o resto de compañeiros e compañeiras, enfrontamos a campaña con ilusión, conscientes de que estamos nun momento excepcional no que Galiza pode facer historia cunha muller nacionalista como presidenta”, concluíu.