Ana Pontón exixe a retirada do anteproxecto de lei da CRTVG por ser un retroceso democrático e un asalto aos medios públicos
Advirte que o obxectivo do PP é facerse co control absoluto do ente nomeando a dedo a dirección xeral e silenciando a liberdade informativa
“Queren o control absoluto para seguir poñendo os medios públicos ao seu servizo, como se fose a súa terminal de propaganda”, afirma
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG pedirá a retirada do anteproxecto de lei da CRTVG do Goberno de Rueda por constituír “un retroceso democrático” e un “auténtico asalto por parte do Partido Popular” aos medios públicos do País.
Así o avanzou logo da reunión que mantivo coa directiva do Colexio Profesional de Xornalistas para abordar o “regresivo e antidemocrático” anteproxecto de lei que prepara o Executivo do PP do que tamén advertiu que supón ademais “un ataque directo á lingua galega”, que deixaría de ser a lingua dos medios públicos.
Pontón explicou que o texto lexislativo é un retroceso democrático porque o único obxectivo que persegue o Partido Popular é facerse co control absoluto da CRTVG “nomeando a dedo” a dirección xeral “cos únicos votos do partido do goberno”.
“Queren o control absoluto para seguir poñendo os medios públicos que pagamos os galegos e as galegas ao servizo do PP como se fose a súa terminal de propaganda”, denunciou a líder nacionalista, quen tamén advertiu sobre o “auténtico asalto” que supón un anteproxecto de lei co que os populares queren “silenciar aínda máis ás e aos xornalistas, impedíndolles exercer o seu traballo con profesionalidade e liberdade informativa”, engadiu.
Neste sentido, a portavoz nacional apuntou á eliminación de calquera espazo de participación das e dos profesionais do ente, suprimindo a existencia do consello de informativos despois de ser bloqueada a súa posta en funcionamento polo PP durante trece anos. “Agora fulmínano directamente co único obxectivo de impedir que as e os profesionais dos medios públicos poidan traballar con independencia e obxectividade”, afondou.
Pontón tamén denunciou que este texto lexislativo supón tamén abrir a porta a que o galego non sexa a lingua que se utilice na CRTVG, o que considerou “un ataque directo aos dereitos lingüísticos de Galiza” e aos propios principios fundacionais da corporación, dado que foi precisamente o lingüístico un dos elementos sobre os que se baseou a súa existencia.
“Hoxe temos ducias de televisións e radios que emiten en castelán, só temos unha que o faga integramente en galego e isto é algo que ata molesta a un Partido Popular que quere camiñar cara atrás”, recriminou.
Por iso, avanzou que o BNG pedirá a devolución dun anteproxecto de lei que, ademais, “vai en contra” da normativa en materia de medios de comunicación recentemente aprobada polas institucións europeas. “Imos pedir a súa devolución porque queremos traballar para que en este País, a radio e a televisión galegas se poñan ao servizo da cidadanía e deixen de estar secuestradas ao servizo do PP”, concluíu.