Ana Pontón: “Estamos en Bruxelas para evitar que Galiza quede marxinada nos plans de transición enerxética”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou prioritario presionar para que Galiza estea incluída nos plans de transición enerxética e que conte cos fondos necesarios para percorrer o camiño até unha economía máis sostible. “Estamos en Bruxelas para facer presión nun momento decisivo no que se van decidir os plans de transición enerxética e cremos que é fundamental que Galiza non quede marxinada”, subliñou Pontón tras a reunión celebrada na Comisión Europea coa Directora de Mercados de Carbono en Europa e Internacionais, Beatriz Yordi, na que participaron asemade a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, o secretario de CIG Industria, Xoán Xosé Bouzas, o representante de CIG nas Pontes, Alberto Amado e o concelleiro do BNG nas Pontes, Francisco da Silva.
A portavoz nacional sinalou que o actual é un “momento decisivo no que se van a tomar decisións relevantes e cremos que quen vai elaborar esas normas coñezan a realidade de Galiza”, en tanto que até xaneiro non se coñecerán os criterios marco dos plans. Neste sentido apuntou a reunión celebrada hoxe foi importante para que na Comisión tiveran información detallada da situación crítica galega, “porque a sensación é que non teñen presente e non coñecen cal é a problemática específica de Galiza e en algúns aspectos hai certa sorpresa con algúns datos que lles aportamos a respecto do que significa non só para a produción enerxética senón tamén para todas as industrias electrointensivas”.
Momento decisivo
“Sabemos que neste momento está todo aberto e non hai unha posición definida, polo que estamos nun momento decisivo pero tamén cremos que non hai suficiente información sobre as particularidades de Galiza á hora de enfrontar este proceso”, manifestou a portavoz nacional, quen salientou que o primeiro paso é “estar aquí para facer visible cales son as particularidades galegas para que se coñeza desde as institucións europeas cales son as nosas necesidades, así como o esforzo que imos facer como país á hora de enfrontar este proceso da transición enerxética”.
A portavoz nacional do Bloque afirmou que o encontro de hoxe, organizado por Ana Miranda, “é un primeiro paso” xa que ao seu xuízo é necesario “seguir presionando” tanto na Comisión como no Parlamento Europeo como no goberno do Estado, xa que tamén vai ter unha parte moi importante de decisión de como se faga a distribución dos fondos. “Vimos colaborar para que Galiza non acabe discriminada por unhas decisións que se toman a centos de quilómetros e con descoñecemento da nosa propia realidade”, engadiu.
“Todo parece indicar que até xaneiro non se van a coñecer os criterios dos plans de transición enerxética polo que pensamos que é importante que se inclúan os que permitan a inclusión de Galiza”, manifestou, ao tempo que defendeu que se teña en conta a produción existente en Galiza así como o impacto que ten a redución das centrais en certas zonas, de forma que iso signifique que en Galiza se faga unha transición enerxética xusta “e non un peche unilateral dunha empresa que acabe deixando a unha comarca e a un país nunha situación preocupante”, por lo que destacou que “é importante que sigamos facendo presión e que os galegos e galegas nos fagamos valer ante as institucións europeas e para iso necesitamos ter máis peso político.
Necesidade dun novo liderado
Por outro lado a portavoz nacional do BNG salientou que é necesario que haxa un liderado á hora de enfrontar o proceso de transición enerxética. “Lamentablemente témolo denunciado moitas veces, a Xunta non preparou este terreo, o goberno do Estado leva marxinando á comarca das Pontes nos últimos anos e estamos vendo outras comunidades como pode ser Asturias, que teñen un camiño moito máis longo percorrido”, manifestou.
Neste sentido destacou a importancia de que Galiza teña “un novo enfoque e un novo impulso político á hora de afrontar a transición enerxética, que lamentablemente até agora non se tivo”. “Por iso nós imos traballar para que non perdamos este tren, porque o que está claro é que estamos nun momento no que se van decidir elementos importantes do futuro económico e non podemos quedar fóra”, salientou.
Sobre a busca de alternativas para a térmica pontesa, Ana Pontón asegurou que todos os pasos que se dean nesa liña son positivos. “É moi importante que tanto a Xunta como a administración central como as institucións europeas doten de fondos para poñer en marcha proxectos que sexan viables, pero o que non pode ser é que a única alternativa sexa manter dúas unidades de produción por esa vía, porque sabemos que esa non é a solución de fondo”, dixo ao respecto.
“Se vemos que hai fondos de cohesión que non se están utilizando e sería importante que eses recursos se puideran utilizar xa de inmediato para poder poñer en marcha alternativas porque As Pontes non pode esperar a 2022, necesita solucións en 2020”, concluíu.
Pola súa banda, o concelleiro do BNG nas Pontes salientou que o obxectivo do encontro foi “trasladarlle á Comisión o dereito que ten Galiza a participar nos plans de transición enerxética xusta e non só porque os peches das centrais de carbón, coas súas consecuencias no ámbito socioeconómico e laboral senón tamén porque neste plan que deseña Europa e nos vén imposto vai facer un esforzo maior”. Ao respecto indicou que o esforzo que fai Galiza corresponde á posición de país produtor de enerxía eléctrica, no que o tecido industrial montado arredor é fundamental.