Ana Pontón esixe de Feijóo que o PP non volva burlarse no Congreso da petición unánime dunha AP9 galega
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou a aprobación unánime no próximo pleno do Parlamento do proxecto de lei en demanda da transferencia da AP9 para mellorar o servizo que se presta aos usuarios e usuarias e como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes.
Ese apoio unánime responsabiliza a todas as forzas estatais, e especialmente ao presidente da Xunta, do cumprimento do mandato da Cámara galega para evitar unha nova burla a Galiza.
“Tras a aprobación polo pleno, todas as forza estatais teñen unha responsabilidade que é o compromiso de asumir a decisión deste Parlamento e non ver repetida a vella historia de leis aprobadas por Galiza que despois non son respectadas no Congreso, como xa pasou neste caso”, argumentou Pontón tras a reunión da Xunta de Portavoces.
Neste sentido, apuntou directamente a Feijoó: “Ten a responsabilidade de facer que se respecte a Galiza e que a presidenta do Congreso e deputada por Pontevedra, Ana Pastor, e o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, non sexan un obstáculo á transferencia, que non haxa novos vetos”.