Parlamento Galego

Ana Pontón esixe a Feijóo que anule os contratos públicos coas empresas condenadas por acoso

Ana Pontón
  • Non pode falar de feminismo quen mantén a un imputado por acoso sexual ao fronte da Deputación e do PP de Ourense, alega a deputada
  • Posta en marcha inmediata do salario da liberdade, suprimir as axudas aos centros que segregan e Plan de emprego feminino, medidas do BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o Día Internacional das Mulleres para reivindicar a vixencia do feminismo na loita contra desigualdade,  mesmo a camuflada en discursos igualitaristas na forma pero paternalistas no fondo, que axudan a manter situacións de discriminación, acoso e violencia contra as mulleres.

“Como o pronunciado por vostede señor Feijóo esta fin de semana nun acto do PP”, denunciou Pontón, “no que pedía non politizar os problemas das mullers porque ligalos á política sería unha falta de respecto. Se a desigualdade non é un problema político que é, un accidente xeográfico? Falta de respecto é dicirnos que a desigualdade é un problema das mulleres é non do conxunto da sociedade”.

A loita contra a desigualdade, a discriminación, o acoso laboral ou sexual e contra todo tipo de violencia contra as mulleres segue a estar de plena vixencia, porque aínda hoxe hai que escoitar “a un eurodeputado da dereita dicir impunemente que as mulleres temos que cobrar menos porque somos máis débiles, menos intelixentes e, por suposto, xogamos peor ao xadrez”, criticou.

Pontón restou lexitimidade ao presidente da Xunta para falar de igualdade, mentres ampare a un imputado por acoso sexual como o  presidente do PP de Ourense.

“Aínda hoxe temos que ver como a dereita galega mira para outro lado ante un señor Baltar imputado por acoso sexual. Todos e todas puidemos escoitar unhas gravacións vergoñentas nas que ofrece traballo a cambio de favores sexuais. E aí segue, como presidente da Deputación de Ourense e do PP”, recriminou a portavoz nacional a Feijóo. “Antes de falar de igualdade, empece por non ampara o acoso ás mulleres”, espetou.

A sesión de control ao Goberno serviu a Pontón para explicar as propostas nacionalista de aplicación inmediata a favor da igualdade e contra a discriminación das mulleres. Empezando por aquelas que implican ao Goberno galego.

En primeiro lugar, a dirixente do Bloque instou a Feijóo “a ser o primeiro en dar exemplo desde a Xunta rescindido os contratos coas empresas que teñan condenas por acoso laboral, acoso sexual ou por vulnerar a igualdade”, e citou como exemplo o caso de Nélida Pisco, traballadora dunha empresa cunha concesión pública de transporte que leva anos sufrindo acoso polo feito de ter solicitado no seu momento permiso de lactancia para atender a súa filla con problemas de saúde. “Aquí ten un caso para dar exemplo”, instou.

Sen salario da liberdade

En segundo lugar, o BNG demanda da Xunta que cumpra cos acordos do Parlamento e habilite o salario da liberdade que leva máis dun mes de retraso, posto que a súa entrada en vigor debe ser inmediata á aprobación dos orzamentos. En terceiro lugar, o Bloque reclama acabar coas subvencións a centros privados que segregan entre nenos e nenas e optar por educar en igualdade.

E, finalmente, Pontón reclamoulle ao Goberno o cumprimento da Lei galega de Igualdade de 2004 que incluía a aprobación dun Plan de emprego feminino, aínda pendente trece anos despois.

A dirixente nacionalista instou a Feijóo “a sumarse ás mulleres inconformistas que queremos mudar todo o que non funciona”, denunciou que a máxima a igual traballo, igual salario segue a ser unha quimera, que a pobreza ten “faciana feminina” que os recortes do PP non fixeron máis que aumentar, e que falta apoio público para a conciliación pero segue a recaer sobre as mulleres a responsabilidade de coidar a doentes, maiores ou crianzas.

Paro de 30 minutos 

O grupo parlamentario do BNG fixo un paro de trinta minutos na sesión plenaria para sumarse aos paros convocados en todo o mundo con motivo da celebración do 8M, parada que aproveitou para participar na concentración de apoio a Nélida Pisco convocada pola CIG ante a sede da Secretaria Igualdade da Xunta.