Europeas 2024

Ana Pontón: “O escano do BNG é o que marca a diferencia en defensa de Galiza e que tamén defende unha Europa pola paz”

Acto Ponteareas

Miranda: “Seguiremos a defender o dereito a producir e a vivir na nosa Terra fronte as decisións que toma a UE e que foron avaladas pola forzas estatais”

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de candidatura, Ana Miranda, compartiron mitin en Ponteareas onde ambas destacaron a importancia de que Galiza conte con escano de País para facerse escoitar en Bruxelas, porque só o BNG coloca os problemas dos galegos e das galegas na axenda da europea, como demostrou ao longo de todas as lexislaturas.

“O escano do BNG é o que marca a diferencia en defensa de Galiza e en defensa doutro modelo de Europa que inclúe todas as causas xustas, unha Europa social, pacifista, dos pobos. O noso escano demostra ese efecto bolboreta de que as pequenas accións tamén provocan grandes cambios a favor deste País e a favor dunha Europa mellor”, salientou a líder nacionalista.

Acto Ponteareas

Pontón puxo o traballo feito polo BNG en Bruxelas como o “mellor aval” para solicitar o apoio da cidadanía o 9 de xuño, sabendo que a papeleta que encabeza Miranda é garantía de defensa dos intereses galegos e, ao mesmo tempo, garantía de defensa dunha Europa xusta, antifascista, antimilitarista e pola paz.

Foi o BNG quen defendeu o dereito dos sectores produtivos, as infraestruturas clave como as conexións con Portugal, o Corredor atlántico ou a inclusión do Porto de Vigo na primeira velocidade da Rede europea de transportes, -por certo, con voto en contra do PP e do PSOE-, explicou. Foi o BNG quen sempre deu a batalla pola rexeneración das rías, polo noso territorio, “fronte ao espolio eólico que ampara o bipartidismo de sempre, quen defende o noso territorio fronte a cobiza das multinacionais”.

En 2013, o Bloque pelexou en Europa para frear a macromina de Corcoesto, “e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de ALTRI que o PP quere colocar no corazón deste país, paramos a desfeita de Corcoesto e, man a man coa xente, imos parar a desfeita de ALTRI”, destacou, tras subliñar que, por moi lonxe que poda parecer Bruxelas, a Unión Europa adopta cada día decisións que afectan a Galiza.

“Por iso é tan importante ter voz propia en Europa para facerse escoitar, para defender os intereses da xente do mar e do rural, do noso medio ambiente e territorio, unha voz a favor dos dereitos sociais e da clase traballadora, pero tamén a favor de construír unha Europa máis decente a favor das maiorías sociais.

Como fixera previamente nun acto con xente nova na Coruña, Pontón fixo un chamamento á mocidade rebelde e inconformista para que se movilice masivamente nas urnas collendo a papeleta do BNG para conseguir un escano galego que defenda, tamén en Europa, o seu dereito a vivir e traballar no País.

A candidata Ana Miranda salientou o traballo realizado en Bruxelas en defensa dos sectores produtivos ou da rexeneración das rías e dos ríos, fixándose como obxectivo o saneamento do Río Louro e a mellora do sistema de depuración de augas.

“Grazas ao BNG en Europa tamén se fala das terribles das consecuencias dos parques eólicos e a liña de alta tensión de Arbo, así como dos problemas de transporte e, por suposto, temos que seguir reclamando o soterramento do paso a nivel do Porriño, fundamental para mellorar a seguridade”, indicou Miranda a modo de exemplos de que nas institucións europeas se fala dos problemas de Galiza “grazas ao traballo sen descanso do BNG”.

O BNG seguirá a defender ante a Unión Europea o dereito a vivir e a producir na propia Terra, “pero as decisións que se toman nas institucións europeas, e que contaron cos avais dos distintos gobernos estatais, interfiren permanentemente neste dereito”, denunciou. “Non queremos políticas que provocan o descenso da poboación, unha forte emigración xuvenil e recortan a capacidade produtiva. Só cunha voz forte en Europa seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór o noso país a producir”, destacou.

Cooperación entre as dúas beiras

O BNG tamén fala en Bruxelas de relacións internacionais, indicou Miranda, tendo en conta que Galiza comparte un espazo transfronteirizo no que é preciso mellorar a colaboración e cooperación das dúas beiras con medidas como, por exemplo, a creación dunha norma específica para traballadores transfronteirizos.

Ás eleccións do 9X, indicou, o Bloque comparece cunha candidatura comprometida coa defensa dos sectores produtivos e servizos públicos, co feminismo, coa mocidade, co ecoloxismo e co antifascismo. “Na vindeira lexislatura seguiremos a ser a voz que defende os intereses da Galiza fronte ás políticas da Unión Europea”, sintetizou.

“Somos a candidatura galega, a dá voz a Galiza, por iso coller a papeleta do BNG o vindeiro 9 de xuño é garantía de eficacia na defensa dos intereses de Galiza a través dunha voz propia na Eurocámara”, concluíu.