Ana Pontón enxalza a xestión dos gobernos municipais do BNG e amosase convencida do resultado histórico do BNG o 28M
Afirma que Manuel Lourenzo é o alcalde que precisa Soutomaior cun proxecto avalado pola xestión municipal dos concellos gobernados polo BNG
Destaca o proxecto político de Lourenzo para converter Soutomaior en referencia da comarca fronte “un goberno paralizado e sen ideas”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou en Arcade que o BNG “vai a por todas” e amosouse convencida “do resultado histórico da forza nacionalista no 28M” para construír unha nova Galiza, concello a concello.
A portavoz nacional do BNG , Ana Pontón asistiu á XXXV Edición da Festa da Ostra de Arcade acompañada do cabeza de lista do BNG á alcaldía de Soutomaior, Manuel Lourenzo, membros da candidatura, cargos políticos e simpatizantes para celebrar unha festa con 35 anos de historia.
Un proxecto municipal solvente, transparente e transformador
A líder do BNG afirmou que o BNG ten un proxecto político e un modelo municipal de éxito que hoxe é recoñecido como un referente en toda Galiza. Neste sentido, recalcou que os gobernos municipais do BNG son “gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, transparentes, e melloran a vida das persoas”. Son gobernos que dan aos concellos “dinamismo económico, dinamismo social e dinamismo cultural”.
Por iso, dixo, estou convencida de que o BNG vai ter un resultado histórico o 28 de maio, “unha cita coas urnas nas que saímos a gañar, imos a por todas e sen poñernos límites” porque o noso obxectivo é “construír unha nova Galiza concello a concello”.
Manuel Lourenzo, o alcalde que precisa Soutomaior
O concello de Soutomaior, explicou Pontón, conta con grandes sectores vinculados á terra, a ría e ao mar e dende o BNG consideramos que o concello precisa dun cambio para convertelo nun referente en toda a comarca, ese cambio, afirmou a líder nacionalista, virá da man do noso candidato, Manuel Lourenzo e da candidatura que encabeza para poñer en marcha un novo proxecto para todo o concello de Soutomaior.
Pontón sinalou que o BNG presenta a “mellor candidatura e o mellor candidato” e amosou o seu convencemento en que o 28M , o BNG será “a forza política que máis sume” porque presentamos un proxecto e un modelo que favorece o avance de Galiza.
“Nos concellos gobernados polo BNG, constatamos o dinamismo, a transparencia, e estar ao lado das persoas poñendo en marcha un proxecto transformador”. O proxecto do BNG é “sólido, fai avanzar a Galiza e por iso imos a por todas nas vindeiras eleccións” porque hai unha enorme ilusión en torno ao BNG e sobre todo, porque “onde goberna o BNG, hai avances e progreso.
É evidente que Soutomaior é un concello cun gran potencial, pero tamén é evidente que Soutomaior merece máis, e para conseguilo hai que saír da rutina dun goberno paralizado e sen ideas.
Soutomaior teno todo para ser un concello de referencia en Galiza: Ten un gran patrimonio natural e monumental, ten a ría e o sector da pesca e do marisqueo; ten sectores produtivos punteiros como o vitivinícola, ten unha veciñanza activa e con empuxe e a partir do 28 de maio vai ter con “Manuel Lourenzo o alcalde que Soutomaior necesita e merece para abrir un tempo novo de futuro. Manuel ten capacidade, ten liderado, ten equipo e ten un proxecto claro, con propostas en positivo para Soutomaior”
Os veciños e as veciñas coñecen ben a Manuel Lourenzo e saben que na defensa dos intereses desta vila non lle gana ninguén. Ten a tenacidade que lle da o seu amor por Soutomaior, pola súa xente, por un concello que coñece como a palma da man. Por todo isto, estou segura que o BNG vai ter un resultado histórico o 28M e que este concello abrirá un tempo novo con Manuel Lourenzo como alcalde. Será un gran, grandísimo alcalde para Soutomaior.
XXXV Edición da Festa da Ostra en Arcade
Poucas veces un produto está tan vinculado a un lugar e condiciona tanto a súa identidade. E para que siga sendo así no futuro, temos que coidar a ría e preservar un ecosistema único para que continúe xerando riqueza e emprego no presente e no futuro.
Tras felicitar ao sector ostreiro, a confraría Virxe do Carme , a veciñanza e ao gran número de persoas que traballan para manter en pe unha celebración como a Festa da Ostra, Pontón recalcou que a edición deste ano demostra o importante que é “coidar a ría” tanto medioambientalmente como no seu potencial económico para esta vila.