Ana Pontón: “ENCE non pode estar por riba da lei”
Pide a Feixóo que deixe de facer de “conselleiro delegado” da pasteira e lidere o proceso de traslado fora da Ría de Pontevedra
Desvela que o Goberno de Raxoi non pediu informe á Avogacía do Estado da prórroga de 60 anos adicionais que si motivou un recurso do Concello
Demanda superar unha política forestal pirómana que enche Galiza de eucaliptos a favor da multinacional
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu a Feixóo que deixe de exercer de “conselleiro delegado” de ENCE e actúe como presidente liderando o traslado da pasteira fora da Ría de Pontevedra, en lugar de poñerse de lado da multinacional defendendo unha prórroga “inmoral e ilegal”, que a Avogacía do Estado acaba de declarar “non conforme a dereito”.
“ENCE non está por riba da lei por moito que sexa unha empresas do IBEX 35”, proclamou Pontón, “e cambiar as leis para favorecer a ENCE ten un nome: corrupción”, en referencia a prórroga aprobada polo goberno en funcións de Raxoi en xaneiro de 2016, despois da súa privatización a prezo de saldo por parte doutro goberno do PP, o de José María Aznar.
“A ningunha empresa lle regalan 600 mil metros cadrados de dominio público, a ningunha lle permiten estar 115 anos nun lugar cando a lei di que o máximo son 75, nin lle perdoan 6 M€ anuais en canón de saneamento e a ningunha lle permiten inzar o país de materia prima barata e inflamable, sen tan sequera pechar o ciclo produtivo do papel”, argumentou a dirixente nacionalista.
Por iso, Pontón reclamoulle a Feixóo que mude o papel de “delegado” de ENCE para exercer como presidente e pilotar o traslado da pasteira, traslado de empresas contaminantes que xa fixeron as grandes cidades de Europa desde Londres a Barcelona, pasando por Málaga ou Bilbao, “e para esa ría foi unha bendición que lles permitiu ganar un espazo urbano e xerar centos de postos de traballo”.
A dirixente do Bloque acusou ao xefe do Executivo de “mentir e enganar” aos galegos e galegas lembrándolle a súa posición en 2009: “Non cabe a posibilidade de manter a ENCE na ría, non imos dicir unha cousa e facer a contraria”, declaraba entón. “Fixo todo o contrario e saltou como unha hidra para defender á multinacional ante a decisión da Avogacía do Estado que lle da a razón ao Concello de Pontevedra e á APDR, os únicos que denunciaron a ilegalidade da prórroga do PP”, explicou, ademais de desvelar que o Goberno de Raxoi non solicitou informe algún para adoptar a decisión de agasallar con 60 anos extra á pasteira. “Será que sabían que ía ser contraria?”, interpelou.
Pontón responsabilizou á multinacional e ao PP de ter chegado a esta situación e reiterou que o BNG pide algo tan elemental como “que se cumpra a lei” e que Feixóo exerza as súas competencias para levar a cabo o traslado da pasteira, “en lugar de poñerse do lado dunha multinacional con accionistas que se fan ricos a costa de contaminar a ría de Pontevedra”.
Solidariedade e recoñecemento na loita contra o lumeSacar adiante unha prórroga que a propia Avogacía do Estado acaba de declarar “non conforme a dereito” non foi a única maneira en que o presidente da Xunta actuou como “valedor” da empresa. Tamén o fai cando persiste nunha política forestal “fracasada e pirómana” ao servizo da multinacional, unha política forestal “que pon en risco vidas humanas e provoca un dos maiores problemas ambientais deste país”.
“Necesitamos unha nova política forestal ao servizo de Galiza e non ao servizo de ENCE”, reclamou, tras expresar a solidariedade do BNG cos veciños e veciñas afectados polos incendios, en particular en Dodro e Rianxo, e o recoñecemento ás persoas que están loitando contra o lume.