Ana Pontón, elixida portavoz nacional do BNG tras recibir a candidatura que encabezaba 1.191 votos

A militancia elixe a Ana Pontón como nova portavoz nacional do BNG

Ana Pontón, proclamada nova portavoz nacional do BNG, despois de que a candidatura que encabezaba recibira un total de 1.191 votos da militancia que participou na XV Asemblea nacional do Bloque. A candidatura encabezada por Carlos Branco Ansoar obtivo 170 apoios.

O secretario de organización da Executiva nacional saínte, Bieito Lobeira, foi o encargado de explicar aos medios os principais acordos políticos adoptados polas bases recollidos no relatorio oficial, que contou con 1.035 votos a favor, 130 en contra e 142 abstencións. Previamente, as bases rexeitaron “de xeito maioritario” as catro emendas á totalidade, explicou.

Igualmente, o informe de xestión da dirección saínte obtivo tamén un amplo respaldo con 1.095 votos a favor, 84 en contra e 235 abstencións, indicou, tras poñer en valor a ampla participación da militancia na XV Asemblea nacional do BNG, - máis de 3.500 persoas participaron ao longo de toda a xornada-.

Con relatorio político aprobado pola militancia, Lobeira explicou os principais acordos que se recollen no texto co obxectivo de recuperar a “iniciativa política e social” a través dun proceso de refundación “que debe culminarse no prazo máximo dun ano” no marco dunha nova asemblea nacional, e sobre unha serie de principios que foron enumerados polo responsable de organización.

“A defensa do dereito de autodeterminación, a defensa da democracia e dos intereses populares, a autoorganización do pobo galego, a solidariedade internacional, a paz e o antiimperialismo e un modelo social sustentable”, sintetizou, como principios que guiarán o proceso de refundación, no que se pretende unha participación moito máis ampla que as propias bases do Bloque.

“Persoas ou colectivos que, aínda sen vinculación co BNG, teñan posicións nacionalistas, galeguistas, independentistas, soberanistas ou que entenden imprescindible que Galiza teña un instrumento político soberano como mellor ferramenta para a defensa dos seus intereses”, explicou Lobeira.

En canto a fórmula de concorrencia electoral, explicou que a maior parte da militancia aprobou que nas vindeiras eleccións autonómicas “o pobo galego vai ter dereito a escoller unha papeleta nacionalista, porque vai haber unha alternativa nacionalista diferenciada e propia deste país, sen dependencia nin tutela de ninguén de fora, que defenda á maioría social e os intereses deste país”, subliñou o actual secretario de organización.

Outra das cuestións aprobadas pola XV AN foi crear un órgano de coordinación municipal entre concellos nacionalistas, -non exclusivamente do BNG-, que actúe como un “contrapoder, mesmo un espazo de soberanía contra a aplicación de medidas contrarias a maioría social, veñan desde a UE, do Estado ou da Xunta”.

No organizativo, a XV AN “reafirma” a condición “frontista” do BNG, a súa condición “asemblearia, democrática e plural”, ao tempo que se aposta por áreas colectivas de traballo. Igualmente, no plano organizativo, a militancia optou por suprimir a actual incompatibilidade entre a Portavocía nacional e a candidatura á Presidencia da Xunta, levantando unha limitación que foi motivada por un momento político superado.