Ana Pontón: “No ecuador desta lexislatura vexo a Feixóo esgotado e sen proxecto para Galiza”
Asegurou que hoxe Galiza é máis pobre, desigual, con menos emprego, máis emigración, salarios máis baixos e unha débeda disparatada cun Feixóo que presume de “estabilidade política” cando a metade dos galegos e galegas non chegan a fin de mes
Ante a celebración do Debate sobre o Estado da Nación que se celebrará proximamente no Parlamento galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fixo balanzo da xestión de goberno do presidente da Xunta no ecuador da lexislatura que definiu como “esgotado, aburrido e sen proxecto para Galiza”.
Para a nacionalista, Feixóo é “un gran propagandista pero un pésimo presidente” e chega ao ecuador do mandato con “parálise, desganado, aburrido e sen iniciativa”. Foi incapaz de mellorar as condicións de vida das maiorías sociais e conduciu a Galiza “á irrelevancia política”.
Pontón explicou que Feixóo usou a crise como escusa para tapar a súa desfeita, pero agora que supostamente rematou a crise, vemos a un “presidente incapaz de ver máis alá do seu nariz e asumir o fracaso en emprego e dereitos”. Hoxe, dixo, temos unha o Galiza con máis desigualdade, máis paro, máis precariedade, unha Galiza cos servizos públicos deteriorados e cunha débeda disparada e triplicada en 10 anos até situala no seu máximo histórico. “Hoxe todos os galegos e galegas debemos 14.505 millóns de euros e cando chegou á Presidencia eran 3.923 M€.”
FEIXÓO PRESUME DE ESTABILIDADE POLÍTICA MENTRES A METADE DOS GALEGOS NON CHEGAN A FIN DE MES
A portavoz do BNG afirmou que Feixóo presume de “estabilidade política” cando a metade dos galegos e galegas non chegan a fin de mes. A billa do crédito segue pechada, 175.000 persoas están en paro, 2 de cada 10 galegos están en risco de pobreza, nunha década emigraron case 270.000 e máis de 100.000 galegos e galegos non poden pagar os seu medicamentos.
É unha falta de respecto que Feijóo presuma de estabilidade, cando arrastrou a Galiza os últimos postos en termos de recuperación de emprego, cando hai 151.600 mozas e mozos menos ocupados ou cando as mulleres galegas cobran de media 5.480 euros menos por facer o mesmo traballo que os homes, “a fenda salarial medrou 4 veces máis na Galiza que no estado”.
Feixóo tampouco conseguiu máis recursos para Galiza, “nin antes con Raxoi, nin agora con Sánchez”. Mentres outros foron capaces de conseguir investimentos multimillonarios como fixeron os vascos, cataláns e canarios. “En materia de financiamento tivemos cero avances” ao igual que no ámbito do autogoberno, “cero competencias” e deixa o Estatuto “dinamitado”. En materia lingüística o retroceso é claro, unha porcentaxe de galegofalantes por debaixo do 50% e unha caída de 20 puntos como lingua inicial.
Pontón tamén acusou ao PP e ao titular da Xunta de “secuestrar” os medios de comunicación e situarse fora da legalidade a respecto da radio e televisión galegas incumprindo a lei que as regula.
Feixóo mentiu a todos os galegos e galegas, dixo que os recortes eran a mellor condición para enfrontar a crise, pero “mentiunos”, porque o certo é que “mentres no Estado aumenta a poboación, en Galiza cada vez somos menos; mentres outros territorios incrementaron investimentos en I+D+i en Galiza estamos á cola; mentres outros gobernos preferiron manter o investimento público. “Feixóo foi o campión dos recortes, privatizando e deteriorando a educación e a sanidade públicas.”