Galegas 2024

Ana Pontón: “Este domingo non acaba nada, empeza todo”

Executiva

A líder nacionalista asegura que Galiza xa cambiou cun BNG que segue avanzando: “Toda a enerxía e ilusión xerada en torno ao Bloque vai frutificar no futuro”

Agradece o “caudal de esperanza” que dá ao Bloque “máis forza, máis ilusión e máis empuxe” para seguir traballando co obxectivo de ensanchar a súa base social e rematar coa hexemonía do PP no País

A portavoz nacional Ana Pontón, subliñou este luns que o “grandísimo apoio” recibido nas eleccións do domingo consolidan ao BNG como alternativa de futuro e a única forza capaz de disputarlle a hexemonía ao PP en Galiza. “Nada volverá a ser igual, porque Galiza xa mudou e o BNG é unha forza política sólida sobre a que construír un futuro diferente”, asegurou.

Pontón compareceu tras a reunión da Executiva do BNG para facer unha valoración dos resultados das eleccións do 18-F, que confirman que “o Bloque non ten teito”, como evidencia que por segunda vez consecutiva acadase un resultado histórico tanto en número de votos como de escanos. “Hai un BNG que sigue avanzando e esa é a clave para que este País teña alternativa”, destacou.

Como xa fixera na noite electoral, agradeceu o apoio de miles de galegos que ven no BNG a alternativa para construír un País mellor e que demostran que  “onte non acabou nada, senón que empezou un novo ciclo no que o Bloque é o referente de todas as persoas que cren que hai outra Galiza posible e que non se conforman coa Galiza en pequeno que nos deixa o PP”.

Segundo dixo, tras as eleccións do domingo o cambio “está máis cerca” e por iso comprometeuse a canalizar toda a ilusión dos galegos que confiaron no BNG, liderando a oposición que permita o cambio político no futuro.  

Aínda que recoñeceu que o Bloque non acadou o seu gran obxectivo nestas eleccións, Pontón salientou  “o enorme caudal de esperanza” xerado en torno ás súas siglas, que se traduce en máis de 460.000 votos, case 157.000 máis que nos anteriores comicios. Case un de cada tres cidadáns que acudiron ás urnas o domingo escolleron a papeleta do BNG, que nestas eleccións acadou ademais o “fito histórico” de situarse como primeira foza en Vigo.

Un datos que dan á organización nacionalista “máis forza” para exercer como principal partido da oposición e para seguir defendendo os intereses da maioría social, traballando por mellor a vida dos galegos e as galegas. 

“As grandes transformacións na sociedade adoitan levar máis tempo, pero é evidente que neste País xa cambiaron as cousas, e o cambio chegará”, considerou, convencida de que “toda esa enerxía en torno ao BNG vai frutificar no futuro”.  Avanzou, neste sentido, a determinación do Bloque por continuar “ensanchando” a súa base electoral sumando apoios en torno á alternativa que representa e achegándose a sectores sociais cada vez máis amplos.

“Somos un BNG  máis fortalecido, con máis ilusión, máis ganas e máis empuxe que nunca para seguir defendendo a este País e á súa xente”, recalcou.

O apoio de miles de cidadáns e a corrente de ilusión xerada en torno ao nacionalismo  galego na campaña, pero tamén grazas ao traballo feito nos últimos anos, servirá ao BNG para facer un “mellor e máis intenso traballo” como primeira forza da oposición para seguir construíndo unha “Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista e con máis benestar para todos e todas”. “Imos seguir  defendendo a sanidade e a educación pública, o dereito a unha vellez tranquila ou que a mocidade poda desenvolver os seus proxectos de vida aquí”, garantiu.

A líder nacionalista valorou tras o encontro da executiva a campaña “en positivo, emocionante e chea de ilusión” que fixo que miles de persoas, moitas delas por primeira vez, colleran a papeleta do BNG nestes comicios. “A todas esas persoas, e a aquelas que se poidan sentir decepcionadas co resultado acadado, quero dicirlles que o seu apoio é clave para conseguir o obxectivo de que no futuro teñamos un goberno liderado polo BNG”.