Ana Pontón: “O do AVE é un vacile a Galiza”
Desde Vigo e a preguntas dos medios, a portavoz do BNG, Ana Pontón, cualificou de burla o novo anuncio de retraso na chegada do AVE a Galiza, do que responsabiliza a PP e PSOE.
“O do AVE é un vacile porque levamos anos soportando anuncios de retrasos na alta velocidade a Galiza con gobernos do PP e con gobernos do PSOE. Ía chegar no 2009, 2012, 2016, 2018, 2019, estamos no 2020 e o único que sabemos é que por responsabilidade do PP e do PSOE, mentres noutros lugares do Estado levan décadas desfrutando o AVE, Galiza leva 25 anos de mentiras, enganos e incumprimentos, o que é unha auténtica tomadura de pelo”.
Para o BNG o Goberno tense que poñer a traballar para que a chegada do AVE non se demore máis, “pero esta é unha responsabilidade compartida das forzas estatais e unha mostra máis de como tratan a este país”, salientou Pontón. Para a líder nacionalista, “nas últimas semanas comprobamos que para que Galiza conte o importante é ter no Congreso forzas políticas propias como o Bloque, que vai condicionar o seu apoio a que se cumpra coa axenda galega e cos intereses deste país”.
“Imos seguir traballando nesa senda, tanto na chegada do AVE como na modernización do transporte ferroviario”, destacou.