Ana Pontón: “O discurso de Rajoy no debate da non investidura é rancio e desconectado da realidade”
- Atribúe a Sánchez e Iglesias o mérito de reforzar á dereita e darlle ao líder do PP a opción de volver ser presidente cunha política antisocial e antigalega
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, definiu como “debate da non investidura” a sesión no Congreso dos Deputados na que o presidente en funcións, Mariano Rajoy, intenta encabezar un novo mandato do PP no goberno do Estado, segunda oportunidade que lle debe a Sánchez e Iglesias.
“Estamos ante a sesión da non investidura na que podemos ver a un Mariano Rajoy desconectado da realidade cun discurso que non podemos cualificar máis que de rancio, un intento de investidura que representa unha segunda oportunidade pola que non ten que darlle as grazas a Rivera, senón a Pedro Sánchez e a Pablo Iglesias, a PSOE e Podemos”, salientou.
Tiveron a oportunidade de conformar un goberno alternativo ao PP pero priorizaron a súa particular guerra de tronos”, criticou, dando a Rajoy “a opción de poder aplicar durante catro anos máis a súa política antisocial e antigalega cuxas consecuencias están a vista de todas nós”.
Pontón lamentou o “triste espectáculo da política madrileña, protagonizado tanto pola dereita como polas autodenominadas forzas de progreso, as vellas e as novas”, ademais de chamar a atención sobre o feito de que “Galiza, os seus problemas e urxencias levan un ano desaparecidos do debate estatal”.
A candidata nacionalista pide aos galegos e as galegas desencantadas e frustradas que aproveiten o 25S “para iniciar un tempo novo e construír unha Galiza mellor con emprego e benestar social. Somos a candidatura das persoas que confían no país e, desde logo, non imos deixar gobernar a dereita porque queremos unha Galiza na que se poda vivir e traballar con dignidade”, concluíu.