Ana Pontón diríxese á militancia e simpatizantes do BNG
Mensaxe de Ana Pontón á militancia e simpatizantes do BNG un mes despois da Asemblea Nacional do BNG.
En 2 minutos, chaves para avanzar.
Compañeira, compañeiro:
Hai pouco máis dun mes que celebramos a nosa XVII Asemblea Nacional, na Coruña, co obxectivo explícito de abrir unha nova etapa, con novos retos, para o BNG e o nacionalismo.
Vimos dun período intenso e exitoso: do 2016 ao 2021 conseguimos primeiro resistir, despois actualizar o proxecto nacionalista e finalmente facer avanzar o BNG e convertelo na alternativa política e de goberno do noso país. Por iso nesta Asemblea tocaba debater a liña de traballo dos vindeiros anos e preparar o BNG para conseguir o principal reto que temos por diante: liderar un cambio político transformador no noso país e presidir a Xunta de Galiza en 2024.
Para o lograrmos necesitaremos todas as mans, toda a participación e compromiso da nosa militancia. Precisaremos tamén ampliar o BNG, sermos máis a sumar na defensa dun futuro mellor para Galiza. E precisaremos intelixencia, responsabilidade e unidade, unha acción colectiva que se desenvolva nos marcos que reforcen socialmente as posicións do BNG.
O Partido Popular está nervioso. Preocúpanlle os datos das diferentes enquisas que, unha tras outra, confirman a tendencia á alza do BNG. Tamén a nosa fortaleza na mocidade, nas vilas ou -fronte á súa debilidade- o noso moi importante avance en apoios e votos nos ámbitos urbanos. Mais sobre todo preocúpalles ter en fronte un BNG ambicioso, incómodo, ao que atacan desesperadamente porque poñemos en evidencia a súa constante traizón aos intereses da sociedade galega. Un BNG que, ademais, non cae na trampa de moverse nos marcos e na caricatura que a eles lles interesa.
No BNG estamos centrados nos problemas dos galegos e das galegas, e estamos propoñendo, con responsabilidade e rigor, propostas e medidas concretas, viábeis e solventes para mellorar a vida das persoas aquí e agora, coa defensa dos intereses do noso país como bandeira. Desde o nacionalismo, desde os nosos ideais e principios, estamos a trasladar unha proposta de país novo e beneficioso para a grande maioría. Unha Galiza con autoestima, confianza e capacidade para poñer os seus recursos ao seu favor. Unha sociedade galega que confíe no talento, na innovación, na igualdade, na ciencia, na creación de riqueza e emprego a partir do noso potencial en moi diversos sectores.
Escríboche esta carta para trasladarche o meu agradecemento e orgullo polo traballo constante e o compromiso co noso país que ti, como todo o conxunto das e dos militantes do BNG, demostrades cada día. Nesta nova etapa, esa forza viva que somos, xuntos e xuntas, vai ser máis necesaria que nunca.
Queremos disputarlle ao Partido Popular non unicamente a presidencia da Xunta. Queremos disputarlle a hexemonía social, cultural e política. Porque nós non compramos esa visión reducida, minorizada e tópica que o PP traslada sobre o que somos como país. Fronte esa Galiza enpequenecida, rexional, submisa ao espolio e ao centralismo, queremos pensar e construír unha Galiza en grande. Porque Galiza ten recursos, capacidade e enerxía social capaz de poñer en marcha un modelo de país diferente, con futuro próspero, moderno e xusto.
A política non vai unicamente de ter razón. Vai de conseguir que a túa sociedade cha dea. No BNG temos un proxecto de país novo, que estou convencida pode ser maioritario. Confiamos na capacidade, coñecemento, talento e potencial da nosa sociedade. E queremos tecer unha ampla onda de cambio galego ao redor das nosas propostas, nesta nova etapa que vimos de comezar.
Precisámoste, necesitamos o compromiso de cada muller e de cada home do BNG nesta tarefa de gañar convencendo, de seducir explicando, de falar e trasladar as nosas propostas sorrindo, convencidas e convencidos de que avanzamos cando estamos centradas no noso: defender o noso país, o seu futuro e unha vida mellor para todas as persoas que nel vivimos. Sei, estou certa, de que imos contar contigo.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG