Ana Pontón: “Dimita, Sr. Feixóo, as galegas e galegos non merecen un Presidente que lles minte”
En base as súas falsificacións da suposta auditoría liquidou o sistema financeiro, supuxo a perda de miles de empregos e un fiasco de 9.000 millóns de euros
Reclámalle o contrato polo que pagou un millón de euros a KPMG, a documentación da suposta auditoría e que levante o veto á comisión das caixas de aforro
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle ao presidente da Xunta que dimita polas súas mentiras e falsificacións en relación á suposta auditoría de KPMG que, segundo a propia empresa, finalmente nin era auditoría nin recomendaba a fusión das caixas pero que foi esgrimida por Feixóo para xustificar unha cadea de decisións que supuxeron a liquidación do sistema financeiro, un fiasco de 9.000 millóns de euros e a perda de milleiros de postos de traballo.
“Pensa que pode seguir como presidente de Galiza despois de mentirlle aos galegos e ás galegas sobre un asunto tan serio como o sistema financeiro? Pensa que pode seguir como presidente despois de falsificar unha auditoría, pola que pagamos un millón de euros, que resulta que nin era auditoría, nin recomendaba a fusión das caixas?”, interpelou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo.
En resposta, a dirixente do Bloque ten claro que Feixóo debe dimitir: “Pida perdón aos galegos e as galegas polas súas mentiras e falsificacións, e despois teña a coraxe de dimitir, porque este país non se merece un presidente que lle minte aos galegos e as galegas”, demandou, indicándolle que siga o exemplo da que fora presidenta de Madrid.
“Se Cifuentes dimitiu por falsificar un master, non pode dicirnos que non pasa nada por falsificar unha auditoría con gravísimas consecuencias para este país”, alegou, ao tempo que lembraba que “a falsidade documental e a prevaricación son delitos tipificados no código penal”.
Pontón tamén lle fixo outras dúas demandas a Feixóo, a remisión á Cámara do contrato e da documentación íntegra entregada por KMPG e desbloquear os traballos da comisión de investigación das caixas.
“Levante o veto á comisión de investigación das caixas de aforro e dea a cara neste Parlamento, e entregue dunha vez a documentación completa desa suposta auditoría e o contrato polo que pagamos un millón de euros”, solicitou, sen que o presidente da Xunta contestase a ningún destes requirimentos, máis aló de replicar coa existencia de 300.000 folios que supostamente están entre as paredes do Pazo do Hórreo pero aos que ningún grupo da oposición tivo acceso.
“O único que vimos foi un power point de 40 folios que nin podemos fotocopiar, non creo que pagase por iso un millón de euros”, alegou.
1,8 millóns de euros perdoados ao PP
A persistencia de Feixóo na súa negativa a facilitar esa documentación é, para o dirixente do Bloque, unha proba máis de que o presidente da Xunta só pretende agochar as súas mentiras e falsificacións.
“Agora enténdemos mellor o seu veto a que este Parlamento tivera acceso á documentación íntegra desa suposta auditoría, entendemos mellor porque o PP ten paralizada a comisión de investigación das caixas e entendemos mellor porque certos ex-directivos das caixas, blindados con indemnizacións millonarias, din no Congreso que non se acordan de se lle perdoaron ao Partido Popular de Galiza unha débeda de 1,8 millóns de euros”, concluíu.