Ana Pontón destaca a vontade do BNG para chegar a acordos de País nos grandes temas pendentes: reforzar a sanidade, saída da crise ou modelo de financiamento
Pide a Feixóo que deixe a estratexia “suicida” de buscar culpables e que acepte os erros do seu goberno como primeiro paso para aportar solucións
Propón dotar de medios AP cun plan de choque de 200 M€ e incentivar a volta dos miles de profesionais sanitarios que fuxiron da precariedade
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixou as prioridades políticas inmediatas do BNG para 2022 nun inicio de ano marcado pola pandemia e as elevadas cifras de contaxios, pero desde o optimismo que nace da “capacidade” do País, das súas fortalezas e da demostrada resistencia para saír adiante.
Optimismo que non lle impide á líder nacionalista enumerar os principais retos que ten Galiza e que concretou en tres grandes cuestións: reforzar a sanidade pública, poñer en marcha un novo modelo de atención ás persoas maiores e recuperación económica condicionada pola evolución do virus e agora tamén por unha inflación disparada debido, sobre todo, á estafa da luz.
Neste contexto, Pontón destacou a total dispoñibilidade do BNG para fraguar acordos a favor de Galiza: “Temos a man tendida para chegar a acordos que permitan sacar ao País adiante, pero para iso o Goberno de Feixóo ten que recoñecer os erros e ten que abandonar a estratexia suicida de buscar culpables, a estratexia de estender o seu dedo acusador en lugar de aportar solucións aos grandes retos pendentes”.
De feito, preguntada por un posible encontro co xefe do Executivo, Pontón subliñou que o último cara a cara foi a iniciativa do Bloque tras a petición dun encontro formulada pola propia portavoz nacional que, “lamentablemente non tivo continuidade”, recalcou. “Sempre estarei nunha mesa á que me convoque o presidente da Xunta para falar a favor de Galiza, pero parece que el non se sente cómodo nese formato”, alegou.
“O colapso de atención primaria é responsabilidade directa das decisións do presidente da Xunta, do seu afán de recortar e de privatizar”, denunciou Pontón, polo que avanzou que o BNG solicita a comparecencia urxente de Feixóo para que explique a situación da AP, agora “no precipicio” pero para a que hai solucións se existe vontade política de variar o rumbo.
Entre as propostas do Bloque, un plan de choque de 200 M€, recuperación inmediata das xerencias con capacidade resolutiva e con orzamento, plan de retorno dos profesionais sanitarios que marcharon fora, -arredor de 7.000-, fuxindo da precariedade imposta polo Goberno do PP, reforzar o servizo de rastrexo que tamén aliviaría a carga que soportan os centros de saúde e dotar con persoal especializades como psicoloxía ou fisioterapia.
Novo modelo de coidados das persoas maiores
Nunha Galiza cunha poboación moi envellecida, o BNG considera prioritario o coidado das persoas maiores e, neste sentido, fará casus belli da defensa dun novo modelo de residencias que aposte pola xestión pública e pola calidade e que teña como centro non o lucro a costa da vellez senón a garantía dunha vellez digna. Neste sentido, a líder nacionalista avanzou que o Bloque ten ultimada unha proposición de lei nesa dirección que someterá a debate da Cámara. “O dereito a unha vellez digna debe quedar blindado por lei”, recalcou.
A terceira gran prioridade é a recuperación económica e a creación de emprego. Neste punto, Pontón denuncia que o Parlamento segue se coñecer cal é a proposta do Goberno de Feixóo para que Galiza se beneficie dos fondos Next Generation, que debería servir para activar os sectores produtivos, en particular a industria, “porque o turismo só non chega”, alertou.
Vinculada á recuperación é importante a negociación dun novo modelo de financiamento porque marcará unha parte substancial dos recursos cos que contará Galiza. A portavoz nacional destacou que o Bloque defende que o mellor e ter aquí “a chave dos nosos cartos”, pero sabendo cal é a correlación de forzas a formación nacionalista defenderá medidas concretas para, cando menos, avanzar nunha maior soberanía financeira, que exporá na comisión parlamentaria creada para abordar este asunto.
O lastre da inflación
Pontón puxo o foco no lastre dunha inflación disparada nun momento en que se se está intentando saír dunha crise sen precedentes en tempos de paz. “Inflación que ten o seu principal problema na estafa da luz, máis grave nun país rico en electricidade pero da que non se beneficia e, por contra, ten 170.000 fogares en situación de pobreza enerxética e miles de empregos en xogo pola factura enerxética”, explicou.
Por iso, o Bloque reclama unha baixada das peaxes na factura da luz, que teña en conta a situación de produtor neto de electricidade de Galiza e que, como sucede na maior parte dos países europeos nas zonas produtoras, ten dereito a un prezo menor e a unha compensación polos custes ambientais e sociais. “É o que chamamos tarifa eléctrica galega”, concluíu.