Ana Pontón destaca que Lucía Santos é a alcaldesa que precisa Marín para darlle ao concello un cambio a favor da veciñanza
“Poñemos en marcha o motor do cambio que representa o BNG da man dunha candidata capaz de darlle un novo rumbo a Marín”, proclamou
Destacou que os gobernos municipais do BNG son referentes en políticas de transformación económica e social e melloran a vida das persoas
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de Lucía Santos como candidata do BNG á Alcaldía de Marín, liderando unha equipa capaz de darlle un cambio de rumbo ao concellos e poñer en marcha políticas transformadoras para mellorar a vida da persoas. Igual que nos concellos nos que xa goberna o Bloque, alegou, moitos compartindo comarca con Marín como Pontevedra, Poio, Moaña ou Bueu.
“É un día importante para o futuro de Marín porque aquí estades un bo número de persoas unidas por unha ilusión común: a de poñer en marcha o cambio que necesita este concello, e para arrancar o motor do cambio que necesita Marín estamos aquí e ese motor é a candidatura do BNG encabezada por Lucía Santos”, proclamou Pontón durante o acto.
A líder do Bloque definiu á candidata como unha persoa “íntegra, leal e honesta, con liderado, unha muller capaz de crear equipo e que traballa día a día para construír un futuro mellor para a veciñanza”, subliñou, destacando que a candidata é “unha aposta segura, a mellor alcaldesa porque ten a cabeza e o corazón centrados neste concello e a forza para darlle a Marín un novo rumbo”.
Un novo rumbo que é necesario para un concello que non vai polo bo camiño, como demostra o feito de que non deixa de perder poboación, e desde que Goberna o PP a vila ten 1.700 habitantes menos, mentres que nos concellos do Morrazo ou Pontevedra a poboación aumenta.
“Algo non se está a facer ben porque non só perde habitantes senón que tamén decrece a actividade económica, o comercio e vemos un concello paralizado que perde día a día. Algo está fallando e sabemos que non é a veciñanza nin un concello que ten un gran potencial e capacidade para saír adiante e mellorar”, argumentou a portavoz nacionalista.
E para darlle a Marín o futuro que merece, alegou, “hoxe queremos poñer en marcha ese motor de cambio que representa o BNG, que ten proxecto para Marín, un proxecto pensado para este municipio pero que tamén bebe da exitosa experiencia doutros gobernos locais do Bloque, que demostran como prosperar e mellorar confiando nas propias forzas”. Neste sentido, citou o caso de Allariz, cuxa alcaldesa, Cristina Cid, tamén participou no acto de presentación, o concello de Pontevedra, Barro, Poio, Bueu ou Moaña, por citar os máis próximos.
“Os resultados están aí, o BNG é referente en políticas transformadoras e cando gobernamos nótase porque a vida das persoas mellora, porque desenvolven políticas que fan vilas e cidades máis accesibles, con mobilidade sustentable, conservando o patrimonio, recuperando espazos públicos, dinaminzando a economía e creando emprego”, enumerou.
Pontón tamén destacou “as políticas integradoras a favor da igualdade real” sinal de identidade do BNG, apostando polos servizos públicos e por gañar o espazo para as persoas. E iso é o que tamén quere facer en Marín Lucía Santos”, recalcou.
Este concello, dixo, “precisa recuperar o seu orgullo, confiar no seu potencial, en que pode ampliar vivenda, atraer turismo todo o ano, apostar polo patrimonio arqueolóxico e a recuperación dos cascos de Marín e Cantodarea, orgulloso da súa posición privilexiada nunha ría marabillosa”.
Por iso o BNG quere ENCE fora desta Ría, fora de Marín, declarou. “E si, desde o BNG temos interlocución con todos os axentes empresariais, pero non aceptamos que ningunha empresa pretenda saltarse a lei ou facer unha lei a súa medida en contra do interese da maioría. Por iso, hoxe como sempre, dicimos ENCE si, pero fora da Ría de Pontevedra”.
A pesca, clave para Marín
Igualmente, Pontón fixo ficapé na importancia do sector pesqueiro para Marín, un sector sobre o que pende unha nova ameaza en forma de veto á pesca de fondo. “Que fixo o Goberno do PP na Xunta e o Goberno do PSOE en Madrid para defender os intereses do sector ante a Unión Europea? Imos pelexar, como sempre fixemos, para defender o dereito de Galiza a pescar, porque está e xogo o pan de centos de familias, porque é un sector estratéxico para este País.
Tamén fixo referencia á actual crise de prezos que soporta a maioría social ante a incapacidade do Goberno do PP para paliar os efectos do descontrol do IPC. Ao contrario, anuncia un agasallo fiscal de 34 M€ aos máis ricos. “34 M€ son 700 médicxs de primaria, son 900 profesores e profesoras, son a tarxeta básica para 50.000 familias durantes dous anos”, indicou.
Villa Pitanxo
A líder do Bloque criticou a un PP instalado no “non” a Galiza. “É o PP do non a unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar a factura da luz, do non a unha política fiscal xusta e redistributiva”, e o BNG representa a alternativa para abrir un tempo novo liderando o Goberno do País cunha presidenta coas mans libres para defender aos galegos e ás galegas.
E para abrir ese “tempo novo”, avanzar nos concellos é o primeiro paso, “por iso é tan importante contar coas mellores candidaturas, como a que encabeza aquí a compañeira Lucía Santos que, estou segura, conseguirá que Marín pase a formar parte dos concellos BNG”.
Pontón iniciou a súa intervención lembrando ás vítimas do Vila de Pitanxo, trasladándolles todo o cariño e solidariedade as súas familias. “Aquí segue a man tendida do BNG para acompañar ás familias na súa xusta petición de baixar ao barco e de que se faga xustiza”