europeas 2024

Ana Pontón destaca que o escano do BNG en Bruxelas defenderá unha Europa antifascista e a favor da memoria histórica

Miranda lembra que foi o Bloque quen pediu a ilegalización da Fundación Franco na Eurocámara e recalca que votar Bloque é votar antifascismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na Coruña que o escano do BNG na Eurocámara servirá non só para defender os intereses de Galiza en Bruxelas, senón tamén para construír unha Europa antifascista e a favor da memoria histórica, nun contexto marcado polos discursos do odio alimentados pola dereita e a extrema dereita.

Pontón participou xunto á candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun acto sobre memoria histórica e por unha Europa antifascista no marco da campaña do 9 de xuño, no que incidiu en que o escano nacionalista valerá para construír unha “Europa antifascista, defender a democracia e os dereitos e liberdades”, como a diversidade lingüística e cultural, o dereito das persoas a amar a quen queiran, o feminismo, a loita contra a LGTBfobia, o racismo ou que non se criminalice ás persoas que foxen da pobreza ou das guerras, enumerou.

“Esa é a Europa que queremos dende o BNG e a que se pode construír co voto ao Bloque o próximo 9 de xuño”, recalcou para anunciar que, precisamente con ese obxectivo democrático, a formación nacionalista promoverá tamén dende Europa o cumprimento da resolución que avoga pola ilegalización da Fundación Francisco Franco, “que mesmo ten recibido cartos públicos do Goberno do PP”, advertiu.

Ana Pontón

“Se hoxe dixeramos que en Alemaña hai unha Fundación Hitler nos levaríamos as mans á cabeza e, sen embargo, no Estado español permítese a impunidade desa Fundación Franco”, reflexionou para censurar que esta entidade continúe exaltando ao ditador.

“É unha ofensa para as vítimas do Franquismo e unha aberración democrática intolerable nunha Europa que queira realmente construírse sobre os valores da defensa das liberdades, dos dereitos e da xustiza social”, afirmou nun acto celebrado diante da Casa Cornide á que se referiu como un símbolo precisamente de como no Estado español se permite “o franquismo sen Franco”.

Neste sentido, considerou un “escándalo democrático” que, case 50 anos despois da morte do ditador, hai bens como a Casa Cornide que foron roubados ao pobo galego e que aínda non foran restituídos aos seus lexítimos donos.

Pontón empregou este exemplo para advertir de que “corren malos tempos para a democracia e nos que se está alentando a intolerancia”, tempos nos que avanzan os discursos de odio da extrema dereita aos que lles dá alas un PP “cada vez máis ultra” como se pode ver a diario e como tamén se viu onte “co señor Rueda manifestándose en Madrid ao lado dos sectores máis reaccionarios da sociedade española, mentres en Galiza o BNG estaba coa cidadanía galega que estaba dicindo alto e claro que non quere industrias contaminantes como a de ALTRI en Palas de Rei. 

A portavoz nacional criticou ao PP que branquee a unha “extrema dereita racista, machista e antigalega”, que se por algo se ten caracerizado é por “dinamitar todas as políticas de recuperación da memoria democrática ” e que, lonxe de promover a xustiza, a verdade e a reparación, “boicotea a dignidade das vítimas do franquismo”.   

Nesta liña, advertiu que o Goberno do PP é un colaborador nestas políticas logo de lembrar que, á súa chegada á Xunta hai quince anos, Núñez Feijóo “dinamitou todas as políticas de recuperación da memoria democrática” e que permite que a familia Franco “boicotee a lexislación e non cumpra a lei” ao non permitir as visitas abertas á cidadanía ás que están obrigados todos os Bens de Interese Cultural, un ano despois de ser declarada BIC.

Pola súa parte, Miranda recordou que foi o BNG quen defendeu a ilegalización da Fundación Franco na Eurocámara cando se debateu o avance do fascismo en Europa e reivindicou o papel do Bloque na loita antifascista.

“Votar polo BNG é votar contra o fascismo, é votar por unha candidatura antifascista como vimos demostrando ao longo de todos estes anos”, incidiu para advertir que, nun contexto no que hai un “grave ataque” por parte da extrema dereita á democracia, ás liberdades e aos dereitos humanos, haxa quen a branquee “como fai o Partido Popular”.

Fronte á dereita e á extrema dereita, Miranda puxo en valor o papel desenvolvido polo Bloque en defensa da democracia, dos dereitos e liberdades e da memoria democrática. “Seremos, como fomos sempre, unha forza antifascista, tamén no Parlamento Europeo”, concluíu.