Ana Pontón destaca que o BNG se consolida como forza política á alza e como a única alternativa real de goberno ao PP
Pide a Sánchez que executa o acordo de investidura: “Non é tempo de escusas, é tempo de cumprir con Galiza”, subliña no Consello Nacional
Coloca ao Bloque como o garante dos intereses do País aquí, en Madrid e en Bruxelas fronte as forzas estatais que se alterna na discriminación
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o 9X pecha un ciclo electoral que consolida ao BNG como unha forza política á alza que está no mellor momento da súa historia e que, en contra de todas as voces “agoireiras interesadas”, as urnas volveron dicir que non ten teito, despois de que nos comicios europeos se obtivera o mellor resultado dos últimos vinte anos, logrando escano na noite electoral da man de Ana Miranda.
“Iso é o que pon dos nervios ao Partido Popular: o ascenso imparable do BNG e saber que somos a gran esperanza de miles de galegos e de galegas que soñan e traballan por un país mellor”, destacou Pontón na súa intervención no primeiro Consello Nacional tras as eleccións, por iso o PP está “desaforado”.
“Desaforado porque por primeira vez desde 1999 temos escano en Europa na noite electoral, porque lle damos a Galiza un voz propia máis forte para defender os intereses do País, dos nosos sectores produtivos, das nosas rías, do noso territorio e un PP desaforado porque desde o minuto cero imos estar en Bruxelas para dicir si a industrializar Galiza, pero non a subvencionar con fondos europeos a desfeita de ALTRI”, explicou.
A líder nacionalista trasladou a súa preocupación polo avance da dereita e da extrema dereita, e fronte ao discurso de odio, intolerancia e militarista, o BNG ten máis forza para defender en Bruxelas a Galiza e outro modelo de Europa, a dos pobos, social e xusta e da paz.
“Xusto o contrario do que defende o PP cada vez máis ultra, máis centralista e que traballa para as grandes multinacionais e as súas empresas amiga”, recalcou, destacando tamén que non se frea o avance das dereitas “con discursos do medo en campaña, senón cunha axenda que reforce os dereitos, as liberdades, o benestar e calidade de vida da clase traballadora e das maiorías”. Servizos públicos e dereitos laborais fronte a austeridade e gasto militar, paz en lugar de ser un apéndice de EEUU e da OTAN, ese é o camiño para frear ás dereitas.
Na súa intervención no CN, Pontón puxo deberes tanto ao presidente do Estado como ao presidente a Xunta. En referencia a Pedro Sánchez, destacou que tras o ciclo electoral toca executar o acordo de investidura. “Ten que deixarse de escusas, poñerse a gobernar e cumprir os acordos asinados con BNG a favor de Galiza; porque os retrasos non son co BNG, son coa cidadanía galega. Non é tempo de escusas, é tempo de cumprir con Galiza”, recalcou, destacando que ese acordo é a única vía de colocar a axenda galega no Estado fronte a un Rueda “incapaz” de defender os intereses do País.
“Está esperando a ser recibido por Sánchez e tendo en conta os antecedentes Rueda sairá da Moncloa dicindo que foi todo de marabilla, que ven moi satisfeito do encontro e publireportaxe na TVG pero o balance final será o de sempre: cero transferencias, cero infraestruturas, cero recursos, cero melloras, cero logros”, prognosticou.
Da mesma maneira que lle reclama a Sánchez que cumpra o acordo de investidura, tamén lle reclama a Rueda que convoque a comisión bilateral Galiza-Estado “para aproveitar ese acordo que garante a Galiza a mesma quita na débeda pública que calquera outra comunidade autónoma, que non actúe con visión partidista, senón con visión de País”, apelou.
Seguir ganando apoio social
En todo caso, a portavoz nacional situou ao BNG como a única garantía en defensa dos intereses dos e das galegas, fronte á alternancia na discriminación co País que practican as forzas estatais, citando a AP-9 como exemplo. “Os argumentos que antes usaba o PP, agora son repetidos sen rubor polo PSOE, incluído a escusa de que o rescate é inasumible despois de ter rescatado as radiais madrileñas pagando miles de millóns de euros. No imos parar até conseguir que lle dean a Galiza o que outros levan desfrutando desde hai anos”, advertiu.
Pontón analizou os retos de País ante un goberno do PP coas mesmas receitas fracasadas que fan que teñamos unha Galiza peor que hai quince anos. O BNG ten a responsabilidade outorgada nas urnas “de construír unha alternativa á desfeita do PP e por iso puxemos en marcha o goberno alternativo desde o que estamos a facer un rigoroso labor de control e ofrecendo propostas para os retos que hai que encarar”, explicou, destacando que o Bloque “é a única forza política capaz de poñer ao PP na oposición”.
Ser aínda máis fortes
Unha situación a que se chegou tras oito anos traballando con humildade e con ambición de país, conseguindo reconectar coa sociedade e situarse como a única alternativa real ao PP, destacou orgullosa do esforzo colectivo e dunha liña política pensada desde a realidade galega, pero advertindo que sería un erro “caer na rutina, no conformismo ou na autocompracencia”.
Por iso instou a toda a organización a seguir na mesma dirección. “Temos que seguir ensanchando o BNG: somos fortes pero temos que ser máis aínda, coas portas abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón; seguir explicando as nosas alternativas para mellorar a vida das persoas e defender os intereses deste País e facelo coa man tendida e con toda a convicción de que somos a esperanza para construír unha Galiza mellor. Iso é o que esperan de nós os galegos e as galegas e imos conseguilo”, concluíu.