Ana Pontón destaca ante os empresarios en Vigo que Galiza precisa “un goberno que confíe no potencial do país”
Propón converter Vigo na capital da I+D+i, avanza como medida un plan de reindustrialización e aposta por axilizar a tramitación administrativa
Bará destaca que o BNG ten un proxecto en clave de país que xa funciona con éxito nos concellos que lidera
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o encontro co Círculo de empresarios de Vigo para destacar a importancia de que Galiza conte, a partir do cinco de abril, “cun goberno que confíe na capacidade e no potencial do país, e que teña propostas e, sobre todo, vontade política de poñer os sectores a producir”.
A líder nacionalista destacou que o BNG aspira a liderar o cambio real e, con ese obxectivo, anunciou o seu compromiso de que Galiza teña por primeira vez un goberno “coa mans libres para defender os intereses do país e un goberno coas mans libres para defender o tecido empresarial galego”.
Reindustrialización e aposta estratéxica pola innovación foron os dous asuntos nos que Pontón fixo especial fincapé, xunto cun terceiro aspecto que pasa por axilizar os procesos administrativos evitando que o empresariado se vexa limitado por unha tramitación lenta e burocratizada.
No referente a dar prioridade desde o Goberno ás políticas de I+D+i, Pontón subliñou que esta é unha cuestión clave para o tipo de desenvolvemento económico que promove o BNG, cun alto valor engadido e, nese sentido, Vigo ten todo para ser “a capital galega da innovación”, declarou, “man a man co sector público, co sector privado e coa Universidade, cuxo campus ten xa unha clara vocación tecnolóxica”.
Para empezar a reverter o proceso de desertización no sector industrial, Pontón avanzou un plan de reindustrialización de Vigo e a súa área de influencia que atalle a perda de emprego. Neste plan, o sector naval é unha peza clave, coa intervención pública nos casos necesarios para salvar estaleiros emblemáticos como Barreras, incluíndo a creación dun centro de reparación naval na Ría de Vigo.
O sector de automoción forma parte do ADN de Vigo, e por iso o programa de goberno do BNG, explicou a candidata á Presidencia, inclúe medidas para frear a deslocalización de empresas vinculas ao cluster do automóbil cara Portugal. Un aspecto no que é importante traballar para corrixir burocracias e axilizar a tramitación administrativa para poñer en pé iniciativas empresariais.
Na súa intervención, a líder nacionalista explicou a importancia para potenciar a creación de riqueza e emprego de planificar solo empresarial e infraestruturas de comunicación evitando desequilibrios territoriais, “unhas infraestruturas axeitadas son a base para que a actividade económica poida florecer”, indicou.
A formación, adecuando esta á demanda do mercado de traballo, é outro aspecto significativo, nun contexto de caída da poboación activa, para corrixir carencias de persoal cualificado en oficios e sectores que os necesitan: construción, mecánica, naval, pesca. Pontón tamén fixo referencia a garantir a igualdade de oportunidades evitando xerar situacións de competencia desleal, e fundamental tamén prestar apoio ás iniciativas privadas.
Ao encontro no Círculo de empresarios de Vigo tamén asistiu o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, quen ensalzou as cualidades de Ana Pontón como vindeira presidenta da Xunta, destacando que o seu liderado “representa a esperanza dun novo país: a aposta por unha Galiza de futuro, innovación, amor a esta terra e por quen quere o mellor para o noso país. Así como o seu liderado foi para o BNG, tamén será beneficioso para Galiza”, subliñou.
O cabeza de lista por Pontevedra enfatizou que o BNG encara as eleccións do 5A cohesionado e reforzado pola recuperación da representación en Madrid, que conseguiu defender os intereses galegos no acordo de investidura cunha axenda galega, situando temas centrais enriba da mesa. “O BNG ten vocación de ser goberno deste país, con solucións propias para Galiza avaladas e contrastadas polo traballo feito en moitos concellos como os de Pontevedra, Tomiño, Ponteareas ou Moaña”, asegurou.