Ana Pontón destaca a capacidade do goberno de Ponteareas para mellorar a vida da veciñanza e xerar actividade económica
Pon en valor o traballo de peonalización, de apostas polos servizos públicos e socia, con 2 M€ en residencias ou escolas infantís pese a ser competencia da Xunta
O BNG levará ao Congreso a mellora da N-120 ante o abandono desta infraestrutura por parte do Ministerio de Fomento
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou o “cambio transformador” a favor da veciñanza que o BNG logrou en Ponteareas a través do goberno local, antes con recordado Xosé Represas, e agora co equipo liderado pola alcaldesa Cristina Fernández. Empezando por sanear unhas contas municipais herdadas do PP que deixaran ao concello en bancarrota.
“Agora o goberno local entrou noutra etapa con propostas e actuacións que melloran a vida das persoas e desde políticas que forman parte dos sinais de identidade dos gobernos municipais do BNG, apostando pola recuperación dos espazos públicos e poñelos a disposición da cidadanía como cos procesos de peonalización, -algo tan importante como que os nenos e as nenas poidan xogar nas rúas con tranquilidade-, mellorando a calidade de vida na vila e nas parroquias; con impulso económico, co fomento do benestar social e apostando por unha Ponteareas viva e dinámica no social e no cultural”, explicou Pontón tras o encontro co equipo de goberno na súa visita institucional a Ponteareas.
En relación ao impulso económico e á creación de emprego no concello, a líder nacionalista destacou o revulsivo que supuxo a aprobación do PXOUM, “que permite activar o urbanismo e dar seguridade ás iniciativas empresariais e de emprendedores. Ábrese unha nova etapa de impulso e reactivación da economía local, de oportunidades para a creación de emprego e de novos equipamentos e servizos públicos para a veciñanza, incluíndo a posta en valor e regularización do parque empresarial para atraer máis actividade económica”, explicou.
A líder do Bloque felicitou á alcaldesa e a todo o equipo que conforma o Executivo local polo seu traballo “entusiasta”, un labor moi importante para que Ponteareas sexa un lugar “no que vivir, no que traballar, onde os nenos e as nenas ocupen a rúa, un concello con futuro, unha vila en cor fronte ao branco e negro de tempos pasados”.
Pontón foi moi crítica co “abandono” e os incumprimentos do Goberno central en relación á mellora das comunicación por estrada, en particular no que se refire á N-120, “pero o concello ten unha alcaldesa que vai seguir esixindo e loitando pola mellora desa infraestrutura para que haxa os investimentos necesarios e terá todo o apoio do BNG no Congreso para logralo. Cambian os gobernos en Madrid, dun signo e doutro, pero os problemas son os mesmos, e imos formular iniciativas reclamando que se mellore a N-120”.
En relación ao proceso de peonalización que desenvolve o Goberno local, a portavoz do Bloque destacou que ese tipo de medidas “melloran a vida das persoas e tamén a actividade do comercio local, porque cando as rúas se enchen de xente porque podes pasear por elas libres de coches entras no comercio e hai máis vida. Non é unha suposición, é unha realidade que se ten dado en todos e cada un dos concellos nos que se levaron a cabo é nun concello como Pontevedra, ben próximo a Ponteareas, teñen máis demanda para peonalizar rúas das que poden atender porque á veciñanza sabe as vantaxes que supón e unha vez que se peonaliza, a xente non quere volver atrás”, explicou.
“Os cambios non deben dar medo, ao contrario, o que debe dar medo é non cambiar nada e por iso o goberno de Ponteareas sigue adiante co seu programa de transformación a favor da veciñanza”, concluíu.