Galegas 2020

Ana Pontón destaca en Cambados o seu compromiso co sector da pesca e do marisqueo

Cambados

Fai un recoñecemento das mariscadoras e de todas as mulleres que traballan no mar e avanza que traballará para mellorar as súas duras condicións laborais

Bará destaca a proposta dun Plan de rexeneración e aproveitamento sustentable dos recursos naturais

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, desprazou ao barrio de San Tomé no Concello de Cambados e nunha das rías máis produtiva do planeta onde, acompañada de mariscadoras, fixo un recoñecemento do papel da muller no mar e instou a mobilizarse nas urnas para que este 12 de xullo Galiza teña un goberno que defende a pesca, o marisqueo e que traballe para mellorar as condicións laborais das mariscadoras.

“O meu compromiso e darlle ao sector un goberno aliado da pesca e do marisqueo e da xente que se deixa a pel no mar fronte ao desleixo que soportaron estes anos, o goberno que quero presidir apostará polo saneamento integral das rías, pola recuperación de bancos marisqueiros e por darlle unhas mellores condicións laborais ao duro traballo do marisqueo a pé que desenvolven sobre todo mulleres”, declarou.

Entre esas propostas: promover un convenio colectivo para os traballadores do sector pesqueiro e marisqueiro, para que teñan unhas condicións laborais dignas e con dereitos, reclamar a anticipación da xubilación das mariscadoras aumentando os cocientes de redución “e por recoñecer como doenzas laborais as que sofren as mulleres do mar, tras anos de traballo”.

En canto ás medidas do programa de goberno referidas a actividade marisqueira: exercer as competencias propias de Galiza en augas interiores, - “no se pode gobernar o noso mar desde os despachos de secano de Madrid”-, rematar o saneamento integral das rías, apostar polo incremento da produción e a recuperación dos bancos marisqueiros. Igualmente, mellora da comercialización que poña en valor o produto propio que goza de gran prestixio entre o consumidor e apoio decidido ás investigacións que poden mellorar esta actividade extractiva.

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, asegurou que o BNG dende o goberno da Xunta porá en marcha un Plan de rexeneración e aproveitamento sustentable dos recursos naturais, produtivos, turísticos e de lecer das rías galegas, nomeadamente da arousá, coa participación do sector, da universidade, e dos centros de investigación.

Primeiro, explicou Bará, é preciso facer un estudo integral sobre a situación das rías e do impacto do cambio climático, para logo desenvolver un plan de actuación para a mellora da calidade das augas eliminando puntos de vertido, un plan de reactivación da actividade económica e do emprego (que potencie a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura) e un plan de fomento da comercialización e do consumo de produtos das rías.

O cabeza de cartel lembrou que os ecosistemas naturais, as rías, ríos e humidais son reservas da biodiversidade e “seguros de vida colectivos”, xa que supoñen “factorías” de actividade económica no complexo mar-industria.

“A ría de Arousa é un prodixio da natureza, da ecoloxía e da economía, e está ameazada e en risco polas agresións en forma de recheos e a contaminación”, destacou, lembrando un estudo da Universidade de Vigo, encargado pola propia Xunta, que detectou contaminación por vertidos urbanos polo mal funcionamento da rede de saneamento e das depuradoras, alteracións provocadas polo desaugamento de encoros, e baixada da produtividade.

“Os datos de Augas de Galiza revelan 74 puntos de vertidos contaminantes na ría de Arousa, que é a máis produtiva do país”, dixo, lembrando que os problemas seguen a ser os mesmos ano tras ano ante a pasividade do PP. “É preciso un xiro total nas políticas de defensa das nosas rías”, subliñou, “que chegará da man do BNG de Ana Pontón, porque no noso ADN está o coidado do medio ambiente”, concluíu.