Ana Pontón destaca que o BNG desenvolverá o seu modelo municipal de éxito a favor de 400.000 galegos e galegas

Pontevedra

Destaca que coas novas corporacións arranca a conta atrás para Feixóo e para abrir en Galiza un novo tempo político que o Bloque traballará para liderar

Ourense demostra “a desesperación” de Feixóo por manter cotas de poder. “Sacrifica á cidade para que Baltar continúe a ser o cacique da provincia”, critica

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á constitución da nova corporación de Pontevedra cuxo goberno municipal volve estar liderado por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde por sexta vez consecutiva. A líder do Bloque aproveitou para felicitar a todos os concelleiros e concelleiras nacionalistas que, desde os gobernos locais ou desde a oposición, “van traballar para mellorar a vida da súas veciñanzas na vilas e cidades deste país”.

“Imos defender as propostas coas que nos presentamos ante a cidadanía, imos defender políticas transformadoras que permitan desde os concellos construír a Galiza que queremos”, proclamou.

Pontón salientou que o pasado 26M abriu un novo tempo “cunha nova maioría social que quere poñer fin ás políticas do PP, deixar atrás todos os recortes e o desastre que causa a dereita desde o goberno da Xunta”. Nesta xornada de constitución dos concellos a líder do Bloque asumiu compromiso de traballar para construír esa outra Galiza posible, tendo en conta que máis de 400.000 galegos e galegas van ter alcaldías lideradas ou cogobernadas polo BNG.

“Isto vai servir para impulsar desde máis vilas e cidades un modelo municipal de éxito contrastado que se caracteriza pola defensa da democracia, pensado para a apoiar o potencial que ten o país, capaz de mellorar a vida das persoas, de imprimir dinamismo económico, social e cultural, feministas e orgullosos da nosa lingua e da nosa identidade como pobo. Este é o modelo que aplicamos en moitos concellos e que imos seguir facendo con apoio ampliado tras esta xornada de constitución das novas corporacións”, recalcou.

A dirixente nacionalista fixo unha reflexión sobre a actitude política de Feixóo a raíz do resultado final no concello e na deputación de Ourense que demostra, dixo, que todo lle vale ao presidente do PPdeG con tal de manter cotas de poder.

“É a demostración de até que punto Feixóo está desesperado pois coloca na Alcaldía de Ourense a unha persoa que en campaña electoral cualificaba de letal para a cidade, pero hoxe será investido alcalde grazas aos votos do PP”, denunciou. Demostra, recalcou, “que o presidente da Xunta non só está desesperado senón que aplica a peor política de todas: a de manterse no poder custe o que custe, mesmo sacrificando o futuro dunha cidade como Ourense para que Baltar continúe sendo o cacique da provincia”.

Un retrato claro da desesperación de Feixóo e da concepción que ten da política, -reiterou-, tras mostrarse convencida de será amplamente rexeitada nas urnas pola cidadanía cando se celebren as eleccións galegas o ano que ven e se abra un novo tempo político. De cara a esa cita, Pontón deixou claro que desde o BNG “imos traballar desde agora mesmo para liderar ese novo tempo político e deixar atrás o decenio negro de Feixóo en contra dos intereses da maioría social deste país e en contra de Galiza”, salientou.

A portavoz nacional aproveitou para dar os parabén a Lores por volver a obter o apoio maioritario da veciñanza de Pontevedra, que o pasado 26 de maio expresou nas urnas que quería que o rexedor nacionalista continuase liderando o goberno da cidade, “para seguir adiante cun modelo de cidade de éxito que vai ir a máis desde esta investidura”.

Concellos liderados ou co-gobernados polo BNG

O BNG vai gobernar con maioría absoluta nos concellos de San Sadurniño, Moeche, Carballo, Zas, Mazaricos, Santiso, Barro, O Rosal, Tomiño, Ribadeo, A Pobra de Brollón, Allariz, Baños de Molgas e A Mezquita. Gobernará con maioría simple en Rianxo, Pontevedra, Bueu, Moaña, Ponteareas, Barreiros, Muras, Castrelo de Miño e Vilar de Barrio. Como forza máis votada alternativa ao PP gobernará nos concellos de Poio, As Neves, Verea e Viana do Bolo. E cogobernará en entre outros concello, Lugo, Ames, Fisterra, O Valadouro, Cabanas, Oroso, Ames, Dodro, Cambados, Cangas, Vilaboa, Baiona, O Porriño, A Guarda, Foz e Verín.

Casos de Fene e Catoira

O BNG lamenta que o PSOE permitise un goberno do PP en Fene cando existía a opción de optar por unha alternativa transformadora liderada polo Bloque e, no caso de Catoira, a Executiva nacional analizará a vindeira semana as medidas a tomar despois de que os responsables locais desoíran o criterio da dirección nacional de facilitar gobernos alternativos ao PP apoiando á forza nacionalista ou de esquerdas que recibise máis apoio o 26M. No caso de Toques, finalmente a Alcaldía será exercida dous anos polo BNG e dous polo PSOE, e o Bloque gobernará en Mondariz tras recibir o apoio do PSOE e do PP.