Ana Pontón: “Para desenvolver todo o potencial do tecido empresarial galego precisamos recuperar voz propia en Madrid”
Tras ese encontro en Pontevedra, o BNG destacou o seu compromiso co sector empresarial galego do que vai ser un firme aliado no Congreso tras o 10N.
“Temos un claro compromiso co tecido empresarial do país”, salientou Da Silva, “o compromiso de traballar e di tirar xuntas man a man con ese tecido empresarial galego que ademais é o que cotiza aquí e xera ingresos, riqueza e emprego. Teñen no BNG un aliado imprescindible”, recalcou a candidata nacionalista.
Coa forza das urnas, “estas empresas que son innovadoras, que xeran emprego e riqueza van ter en nós unha forza política aliada para empuxar naquelas cuestións que lles afectan: modernización das infraestruturas, acadar costes enerxéticos adecuados, obter investimento en innovación, “porque hoxe o coste está sendo asumido en solitario polas propias empresas en sectores punteiros para a economía galega”, afondou a cabeza de lista por Pontevedra.
Pola súa parte, a portavoz nacional subliñou que as empresas que asistiron ao encontro, no que tamén participou o rexedor pontevedrés, son unha mostra “do potencial de Galiza”, e deixan claro “o que este país é capaz cando nós deixan producir, que somos capaces de sacar adiante grandes proxectos que xeren emprego e riqueza”.
“Temos un enorme potencial e para desenvolvelo en toda a súa capacidade se necesita que o 10N teñamos voz propia ante o Estado, e hai cada vez máis persoas que saben que Galiza perde cando o BNG non está no Congreso, que a este país lle vai mal cando non ten forzas propias para defender os nosos intereses”, argumentou.
Neste sentido, Pontón amosouse convencida de que unha maioría social vai converter en oportunidade “o problema creado polas forzas estatais”, unha oportunidade para Galiza, “a de facerse valer, de recuperar peso político e de poñer en marcha una axenda galega para defender un futuro mellor”.
A líder nacionalista destacou que ese é o reto, “que tomamos con ilusión ao ver como medra o apoio ao BNG, convencidas de que estamos ante unha gran oportunidade para ser capaces de dar solucións aos sector naval, ás empresas electrointensivas, á estafa das peaxes, ao saneamento das rías”, citou a modo de exemplo.
O 10N “non vai de Sánchez nin de Casado, vai de Galiza, e temos que poñer o foco sobre os problemas e demandas do país, cando hai quen prefire que se ignoren para falar doutros temas. Nós queremos que se fale de Galiza”, concluíu.