Ana Pontón denuncia que a Xunta discrimina a veciñanza de Ons restrinxindo o acceso á illa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visitou o concello de Bueu onde mantivo un encontro co alcalde, Félix Juncal e un nutrido grupo de veciños e veciñas da Illa de Ons afectados pola decisión da Xunta de restrinxir o acceso á illa mediante un cupo de entrada.
A nacionalista, acompañada polo deputado por Pontevedra, Luís Bará, anunciou que o BNG presentará proximamente unha proposición non de lei no Parlamento galego para levar “a voz dos veciños e veciñas de Ons” á institución galega e buscar unha solución a “discriminación” que está a supoñer a restrición da Xunta para entrar na illa.
Tras o encontro co alcalde de Bueu, Félix Juncal, a portavoz nacional do BNG tamén avanzou que o grupo parlamentario solicitará crear unha comisión mixta con representación da Xunta, veciñanza e concello ao fin de abordar un acordo sobre as demandas dos veciños e veciñas.
Ana Pontón afirmou que a Xunta de Galiza está a provocar “un problema” ao limitar o dereito de acceso aos veciños e veciñas, persoas, explicou, que teñen alí as súas casas e unha importante parte da súa vida. Esta medida, recalcou , “é arbitraria” e lembrou que Ons conta cunha grande riqueza tamén en patrimonio inmaterial e vivo que a Xunta está a atacar coa súa decisión.
Por outra parte, a nacionalista reclamou un plan de xestión, en colaboración co concello e veciños para ordenar este espazo natural. Ons é algo máis que un pezado de terra no mar, explicou a nacionalista, Ons é cultura, historia, etnografía pero sobre todo “lazos familiares” e por iso dende o BNG levaremos ao Parlamento iniciativas para preservar o espazo e a pegada humana da illa.
Félix Juncal critica o desleixo da Xunta co concello
Pola súa parte, o alcalde de Bueu, Félix Juncal anunciou que se a Xunta non atende as demandas dos veciños e veciñas da illa, e se non muda a súa decisión, o concello retirará o seu apoio á Declaración de Patrimonio da Humanidade a Ons porque ao seu xuízo, “non se pode entender un espazo sen ter en conta a súa humanidade”. Juncal tamén criticou o desleixo da Xunta co concello de Bueu a quen acusou de pretender manter “un control total sobre Ons” coa coartada de establecer un carné á veciñanza para entrar en Ons, a marxe do cupo de visitantes, medida que non conta co apoio dos veciños nin da corporación municipal.
O alcalde de Bueu recalcou que os veciños e veciños teñen dereito a acceder as súas casas e preguntou porque en Ons é obrigatorio un carné que non se require para as illas Cíes.
Juncal reiterou que a loita do concello de Bueu e veciñanza de Ons seguirá até que a Xunta cambie a súa decisión e anunciou que o vindeiro domingo na illa será celebrada a súa festa como fixo sempre.