Ana Pontón denuncia que a incompetencia do Goberno de Rueda na crise dos pellets dana a imaxe de Galiza e ao sector pesqueiro
Reclama a Xunta e Executivo estatal que deixen as súas liortas e se poñan a traballar xa “man a man” e con todos os medios para limpar o litoral galego
Critica que Rueda “non dea a cara” e fuxa do Parlamento, incapaz de explicar a súa “nefasta” xestión da marea plástica que inunda as praias do País
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, denunciou no Parlamento galego que a “incompetencia” do Goberno de Alfonso Rueda na xestión da crise da marea plástica está danando a imaxe de Galiza e ao sector pesqueiro.
Pontón advertiu que a “neglixencia” dun Executivo do PP “incapaz de actuar” dana a imaxe do País e ao sector pesqueiro e marisqueiro, ao que trasladou todo o apoio do BNG e que “leva os últimos 14 anos soportando unha caída constante da actividade e as capturas”, algo no que, segundo recalcou, ten moito que ver a “inacción” do PP “no coidado do noso mar”.
“Galiza merécese un Goberno que estea á súa altura; lamentablemente, o do PP demostrou que non está á altura dos galegos e das galegas, nin á da xente do mar deste País”, censurou na súa intervención na Deputación Permanente da Cámara.
Pontón afirmou que a resposta do Executivo galego á crise “foi a peor das posibles” diante dun “desastre ambiental” no que Galiza soporta unha marea de plástico de 26 toneladas e afeou a Rueda non “dar a cara” e fuxir do Parlamento, incapaz de explicar a súa “neglixente” xestión da marea plástica. “A pregunta hoxe é moi clara: onde está o señor Rueda e por que se esconde para non dar explicacións no Parlamento galego?”, cuestionou.
Repasando a cronoloxía dos feitos, a líder nacionalista reprochou ao PP que repetise o mesmo “infame protocolo” de “ocultación, mentiras, manipulación e incompetencia” que xa utilizara no Prestige, mesmo rozando o ridículo “con algunhas declaracións disparatadas que sorprenden, indignan e dan vergoña allea a partes iguais”.
“Non estamos ante outro Prestige e menos mal!”, exclamou para advertir que o que acaba de demostrar o Executivo do PP “é que a nosa costa segue igual de indefensa” que “cando hai 22 anos o chapapote cubriu este País”, o que cualificou de “intolerable”.
Neste sentido, recordou que o PP tentou, en primeiro termo, ocultar os feitos, cun Rueda que tardou un mes en manifestarse sobre o vertido e “a súa gran aportación foi criticar a quen estaba denunciando a marea de plástico e pedindo actuacións”; en segundo lugar, pretendeu minimizar o desastre; e, en terceiro, puxo en marcha unha campaña de lavado de cara “utilizando os medios públicos para manipular”.
“E seguen mentíndolle aos galegos e ás galegas”, recriminou á vicepresidenta Ánxeles Vázquez, á que reprochou que presumira de xestión cando a Xunta tardou en intervir máis dun mes dende ter coñecemento do vertido e cando o propio Plan CamGal especifica que tería que ter decretada a alarma anticontaminación dende o primeiro momento, por certo, chegase a contaminación dende instalacións en terra ou por mar.
“Chega unha marea plástica, pero se non avisa o Goberno estatal, non fan nada? Pero que clase de Goberno é este”, cuestionou para, a continuación, sinalar que os 300 efectivos anunciados pola Xunta só están operativos en fin de semana e que, no mellor dos casos, con 55 areais afectados, significa dispor de só 5,4 operarios por praia, o que considerou totalmente insuficiente.
Ofrecemento de toda a colaboración do BNG
A portavoz do Bloque preguntouse como é posible que a cidadanía galega fose quen de autoxestionarse e organizarse en 48 horas e o Executivo galego e o central sexan incapaces de coordinarse para traballar na “máxima prioridade”, que é a limpeza do litoral galego.
Nesta liña, reclamou a ámbolos dous gobernos, aos que ofreceu toda a colaboración do BNG, que “paren as súas liortas, a súa confrontación inútil” e se poñan a traballar dunha vez “man a man, coordinadamente e con todos os medios necesarios” para limpar o litoral galego afectado pola marea plástica porque, segundo recalcou, o que menos necesita este País “son as liortas e a confrontación partidista e electoralista que se traen entre vostedes”.
Pontón rematou a súa intervención aconsellando con toda a humildade ao “señor Rueda ausente” que non menosprece a intelixencia dos galegos e das galegas tentando tapar con mentiras e insultos a súa “nefasta xestión deste desastre ambiental”. “É unha falta de respecto ás miles de persoas que se mobilizaron para defender as nosas praias”, concluíu.