Ana Pontón denuncia a incapacidade de Rueda para defender Galiza nin ante o Estado nin exercendo as súas competencias
Incapacidade ante Madrid: a exclusión nos fondos Next Genenation, ausencia de alternativas tras caer o viaduto da A-6 ou trece anos con cero competencias
Incapacidade nas súas competencias: sen propostas de calado contra a crise de prezos e sen medidas para sacar a atención primaria do colapso
A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou a preocupación do BNG ante a incapacidade do goberno do PP para darlle solucións ós problemas da cidadanía e para facer valer os intereses de Galiza ante o Estado, incapacidade nesa dobre dirección: ante Madrid e para poñer en marcha solucións concretas e eficaces fronte a crise de prezos ou nos servizos públicos.
Pontón empezou por incidir na incapacidade do Executivo de Alfonso Rueda para poñer en marcha unha “axenda galega” ante o Goberno de Pedro Sánchez con dous exemplos recentes: fondos Next Generation e a caída do viaduto na A6.
No primeiro caso fixo referencia á reunión entre o presidente da Xunta e a vicepresidenta de Economía, que se saldou sen unha soa proposta concreta de investimento para Galiza, ningún proxecto estratéxico, “nada de nada, en todo caso o encontro certificou a exclusión do sector da automoción galega dos fondos europeos de recuperación económica”. Un fiasco que fixo que ao BNG “lle salten toda as alarmas ao comprobar que Galiza se está quedando fora dos denominados proxectos tractores, clara mostra da incapacidade do Goberno do PP para defender os intereses do País”.
O outro exemplo desa falta de iniciativa está na caída do viaduto da A6 cun Executivo máis preocupado en defender ás empresas construtoras ou a ex ministros do PP que en investigar o sucedido, “tardou dez días en ir ó lugar do sinistro e unicamente para ir de acompañante da ministra de Transporte, -criticou-, moito nos tememos que estamos ante un pacto de silencio PP-PSOE, que para nada teñen que ver cos intereses dos galegos e das galegas”.
Pontón tamén subliña o feito de que en trece anos, o PP non teña conseguido nin unha soa competencia para incrementar o autogoberno ou que tampouco é capaz de poñer sobre a mesa un modelo de financiamento xusto para Galiza, “ao contrario, estamos vendo como o que até fai un mes era presidente da Xunta agora está poñendo sobre a mesa criterios contrarios ós intereses deste País en materia de financiamento”.
Xunto coa incapacidade para facer valer Galiza ante o Estado, a líder do Bloque tamén puxo o foco na falta de medidas do Executivo de Rueda nos asuntos da súa exclusiva competencia, no medio dunha crise de prezos que está afogando ás familias, á clase traballadoras e ás PEMES. “Temos un goberno cruzado de brazos ante a subida de prezos que empobrece á maioría social e pon en apuros á pequena e mediana empresa, porque non hai economía que resista que a gasolina este case ao dobre que fai un ano, que resista o custe do megavatio disparado ou que resista que produtos básicos da cesta da compra aumenten un 47%”, explicou Pontón.
E todo isto sen que o Goberno active ningunha medida de calado e eficaz para paliar os efectos da escalada inflacionista nas economías familiares, en particular nos colectivos sociais con máis dificultades, nin para o tecido empresarial. E o mesmo en relación ós servizos públicos, en particular na sanidade cunha atención primaria en situación de colpaso, tras máis década de recortes e privatizacións.
Pontón lembrou episodios como a dimisión de todos os xefes e xefas de atención primaria en Vigo, para denunciar unha situación “insostible”, ademais de recalcar que se aproveitou a pandemia para seguir desmantelando a sanidade pública. Neste sentido, a líder o BNG destacou que o Goberno do PP é dos que menos inviste en atención primaria de todo o Estado e, desde logo, moi por debaixo da media que recomenda a OMS, ao que se suman erros de xestión de “vulto”, como o feito de terse “cargado” as xerencias de atención primaria.
“Unha sanidade pública tan precarizada que fai que a metade dos MIR que se forman en atención primaria non queren traballar nesa especialidade polas malas condicións laborais, por iso o BNG insiste en activar un plan de choque dotado de 200 M€ para contratar profesionais e aumentar a carteira de servizos no que é a porta de entrada ó sistema público de saúde”, concluíu.
En relación os resultados de Andalucía, coa vitoria contundente de Juanma Moreno, indicou que sería un erro facer unha translación a nivel estatal, tanto porque falta moito tempo para a convocatoria como polo feito de que a cidadanía vota distinto en cada proceso electoral, porque distingue en cada cita coas urnas: municipais, estatais ou autonómicas. Pontón trasladou os parabéns do BNG a Gustavo Preto, gañador dos comicios en Colombia que, xunto co recente triunfo de Gabriel Boric en Chile, supón un avance de políticas de goberno para a maioría social.