Ana Pontón defenderá no Congreso a Lei de transferencia da AP-9 aprobado polo Parlamento da que o BNG foi máximo impulsor
O pleno do Congreso previsto para o 2 de febreiro terá na orde do día a toma en consideración da Lei de transferencia da AP9 aprobada polo Parlamento galego, e que tivo ao BNG como principal forza política impulsora dun texto que tivo a propia portavoz nacional, Ana Pontón, como propoñente na súa primeira versión.
Será a propia portavoz nacionalista a que acuda ao Pleno da Cámara baixa para defender a toma en consideración desa lei, un texto de especial relevancia para a formación que lidera Pontón por canto a transferencia da AP-9 é unha reivindicación emblemática do BNG, e é entendido como o primeiro paso para unha autoestrada galega e libre da estafa das peaxes.
A lei que o Congreso tomará en consideración o próximo martes ten un texto precedente que foi votado favorablemente en decembro de 2018, pero a convocatoria de eleccións estatais provocou a disolución da cámara baixa poucos meses despois impedindo a tramitación definitiva do texto lexislativo do Parlamento galego.
O contexto en que se someterá a consideración a lei galega de transferencia da AP9 é moi diferente ao que existía naquel momento, posto que a día de hoxe o BNG recuperou presencia no Congreso da man do deputado Nestor Rego, mentres que o escenario político no Parlamento galego tamén mudou radicalmente, cun BNG convertido na primeira forza da oposición, o que lle permitirá á formación que lidera Ana Pontón ter voz directa no debate que se produza no pleno do Congreso do 2 de febreiro.
Lembrar que na primeira toma en consideración, o BNG quedara excluído dese debate no Congreso, -pese a ser grupo propoñente da lei-, no que si participaron representantes do PP, PSOE e o grupo En Marea.
O debate da toma en consideración da lei de transferencia da AP9 terá lugar coincidindo coa demora na aplicación da redución das peaxes desta autoestrada pactada entre BNG e PSOE no acordo de investidura e que suporá, por primeira vez na historia desta infraestrutura, unha baixada significativa nas súas tarifas que, reclama o Bloque, deben aplicarse canto antes.