Ana Pontón: “Defender os ventres de alugueiro é lexitimar a compra-venda de bebés”
O BNG leva á Cámara este debate para opoñerse á practica dos ventres de aluguer porque atenta contra os dereitos e a dignidade das mulleres
O debate está na sociedade e, empuxado polos intereses de clínicas privadas e bufetes de avogados, avanza cara a súa discusión no Congreso, polo que o BNG considerou necesario que o Parlamento fixara posición sobre a maternidade subrogada presentando unha proposición non de lei contraria á práctica dos ventres de aluguer, definición libre de eufemismos que prefire o Bloque.
“Quen defende a maternidade subrogada quere converter a capacidade reprodutiva das mulleres nun negocio, lexitimando a compra e venda de bebés”, denunciou na súa intervención a portavoz nacional, Ana Pontón, quen considera que a práctica dos ventres de aluguer atenta contra os dereitos e a dignidade das mulleres, en particular das máis desprotexidas, explotando e mercantilizando o seu corpo.
“Esta práctica só ampara a liberdade dos que teñen cartos para alugar o ventre de mulleres vulnerables para que outros podan perpetuarse xeneticamente”, denunciou Pontón, tras deixar claro que non existe o dereito a ser pai ou nai biolóxicos “polo que non pode primar o interese dunha persoa a ter descendencia con carga xenética sobre os dereitos e a dignidade das mulleres”.
A portavoz nacionalista rexeitou o argumento de que como xa que é unha práctica que existe hai que regulala, “non pode ser unha escusa, da mesma maneira que existe a trata de brancas e non se lle ocorre a ninguén regulala”. Pontón criticou ademais o intento de falsear o debate falando de maternidade subrogada altruísta, envoltorio para agochar una realidade social produto dunha ideoloxía “patriarcal e neoliberal”.
A modo de exemplo, a deputada botou man dun país con regulación como Reino Unido, no que a maioría das parellas acabaron indo a India “que ven de pechar esta opción polas consecuencias dramáticas de tráfico de bebes e de explotación de mulleres”. A mercantilización que supoñen os ventres de aluguer queda claro no propio contrato, alegou, que basicamente garante os dereitos de quen está alugando o corpo da muller.
Que comer, que cosméticos usar
“Eses contratos regulan todos os detalles da vida da muller, que pode ou non comer, que cosméticos usar, se pode ter relacións sexuais, impoñerlle a cesara para que o neno non sufra estres no parto, mesmo abortar en caso de malformacións da crianza. Vaian as hemerotecas e verán casos dramáticos”, instou Pontón.
Por todo isto, a iniciativa parlamentaria do BNG, finalmente vetada cos votos en contra do PP, pretendía que o Parlamento galego se posicionase “en contra da legalización, regulamentación ou banalización da práctica dos ventres de alugueiro por constituír unha forma de explotación e mercantilización do corpo das mulleres, especialmente das máis desfavorecidas e vulnerables”. Igualmente, reclamaba que calquera lexislación do Goberno central sobre este asunto fose nesta mesma dirección.
“Converter os corpos de mulleres en incubadoras non é un paso adiante senón un paso atrás de séculos que desde o BNG non imos apoiar”, concluíu.
Axilizar as adopcións
Durante o debate, a portavoz do Bloque fixo referencia ás persoas que non pode ter descendencia biolóxica e á dificultade de moitas situacións, pero conscientes de que as circunstancias particulares non poden determinar o marco legal. Neste sentido, a formación nacionalista propón axilizar os trámites de adopción e que esta sexa unha alternativa para todos os tipos de familias que se dan na sociedade.