Ana Pontón defende a xestión directa dos fondos europeos para evitar que Galiza perda o tren da reactivación económica
“Se non rachamos coa centralización do Next Generation gañará Madrid, gañará o Eixo mediterráneo, pero Galiza perderá e iso é inaceptable”, alega
A Feixóo: “Non é o momento de politiqueo senón de sumar a favor do país”
Propón 5 eixos estratéxicos: sector primario, industria, economía verde baseada na I+D+i, modernizar as PEMES e apuntalar os servizos públicos
A pandemia provocou unha crise económica e social excepcional, e para sacar adiante Galiza é clave o fondo de reactivación europeo, -Next Generation-. En palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, hai que “rachar co círculo vicioso da discriminación e da centralización” para conseguir a xestión directa do que lle corresponde a Galiza, que o BNG cifra nun mínimo de 12.600 millóns de euros.
“Aínda estamos a tempo de evitar que Galiza quede marxinada, de evitar que tamén perda este tren”, salientou Pontón na súa interpelación ao presidente da Xunta na sesión de control. “Se permitimos que se impoña a centralización dos fondos, Galiza perderá, gañará Madrid, gañará o Eixo mediterráneo, gañarán algunhas grandes cidades, pero Galiza perderá. A pregunta é: imos permitilo? Para o BNG é inaceptábel”, proclamou.
E para iso, propuxo a Feixóo “unha fronte común” do Parlamento, “para conseguir a xestión directa dos fondos de reactivación, noutras palabras a descentralización dese fondo, e decidir desde aquí, -con transparencia, participación e acordo-, como investir a parte que nos corresponde para sentar as bases da Galiza do futuro”.
Pontón argumentou que se Europa considera eficaz unha distribución por territorios, esa descentralización tamén debe aplicarse dentro do Estado, e por iso, aposta por “sumar forzas” para conseguir a “territorialización” dos fondos de reconstrución. “Sinceramente señor Feixóo non o imos conseguir cun Goberno galego convertido na xestoría dos intereses de multinacionais que cotizan no IBEX-35. Por contra, hai que definir os proxectos estratéxicos para a Galiza do século XXI”, instou.
E nese sentido, o Bloque propón cinco eixos de actuación para o debate. Primeiro, potenciar os sectores produtivos tradicionais, agricultura e pesca, pero reorientados á transformación e creación de valor engadido. Segundo, potenciar un sector industrial forte, que inclúa unha transición enerxética xusta. Terceiro, sentar as bases dunha economía verde, desde a ciencia e a investigación, cunha aposta pola I+D+i. Cuarto, modernización do tecido produtivo integrado por miles de microempresas e autónomos que sosteñen unha parte vital do emprego. E quinto, defensa dunha Galiza con benestar social, apuntalando a sanidade, a educación, a igualdade real e deseñar un novo modelo de coidados.
“Escoite con ánimo de construír, porque non podemos permitir que Galiza perda o tren da reactivación económica e social, sería como darlle un portazo ao futuro do país”, salientou Pontón, tras reclamar do presidente da Xunta que non se enrede “en politiqueo de pouca monta porque hai moito en xogo”. A líder nacionalista tildou de “sarcasmo” que o xefe do Executivo “veña á Cámara a criticar ao BNG por defender os intereses dos galegos e das galegas nos orzamentos do Estado”.
Expediente X oculto ao Parlamento
Neste sentido, lembroulle a Feixóo que a discriminación non empezou co Goberno de Sánchez, “senón que é consubstancial aos partidos estatais que din unha cousa aquí e a contraria en Madrid, e o BNG non vai calar cando se ataquen os intereses de Galiza como facía vostede cando gobernaba Raxoi e cando, fronte ao engano e ao agravio, respondía sempre cun si bwana”.
“Deixe de estar de brazos cruzados e reclamemos a descentralización do Next Generation e a xestión directa da parte que nos corresponde en lugar de presumir dun plan que non coñece ninguén porque é un expediente X que oculta ao Parlamento. A súa propaganda non aporta solucións, é unha irresponsabilidade que pode terminar por arruinar o futuro deste país”, concluíu.